Inicio Carballo ao día Hemeroteca O programa 'Aprender para educar'...

DO VENRES 9 AO VENRES 30 DE ABRIL

O programa 'Aprender para educar' reflexiona sobre o uso de Internet e sobre a prevención da violencia nas aulas

Mércores 7 de abril do 2010

'Aprender para educar' pretende ser un punto de reunión e encontro de todas aquelas persoas interesadas na educación dos seus fillos e fillas e de todos aqueles que saben da importancia educativa das nais e pais. O Alcalde, Evencio Ferrero, resalta a importancia de ser conscientes de que "a aprendizaxe corresponde a algo máis que ao ambiente educativo, xa que a familia tamén ten unha grande responsabilidade". Con 'Aprender para educar' o obxectivo é abordar "problemáticas do mundo actual", e concienciar de que "as nais e pais non poden permanecer á marxe da educación dos seus fillos e fillas. O programa de actividades é o seguinte:

  • Venres 9 e venres 16 de abril ás 20.00 horas: Seminarios de educación dixital. Brais Martínez, infotecnólogo e director de proxectos da empresa SDWeb. Este seminario, repartido en dúas xornadas, reflexiona sobre as posibles ameazas e perigos que se poden atopar os nosos fillos e fillas en Internet, sobre as páxinas ás que poden acceder mentres navegan ou sobre o funcionamento de redes sociais, como Twitter ou Facebook. O obxectivo é dar resposta a estas incógnitas e facilitar unha agradable viaxe polas novas tecnoloxías para a mocidade, nais, pais e docentes. Esta actividade en concreto desenvolverase no Telecentro do primeiro andar do Pazo da Cultura.
  • Venres 23 de abril ás 20.00 horas: Obradoiro. 'A violencia nas aulas: maltrato entre iguais'. José Ramón González López, pedagogo especializado en resolución de conflitos, imparte este taller no que se abordan problemas como a detección de crianzas con patróns de conduta violentos ou a erradicación das condutas erróneas dos pais: os fillos e fillas aprenden do que se lles di, pero fundamentalmente do que os pais e nais fan diante deles.
  • Venres 30 de abril ás 20.00 horas: Obradoiro. 'Resolución de conflitos'. Impartido por José Ramón González López. O obradoiro reflexiona sobre as presións que reciben os adolescentes: constantemente os pais e nais lles piden que medren, sexan responsables, que asuman obrigas... Pero tamén hai que educar no compromiso e na toma de decisións. O comportamento conflitivo preocupa a mestres/as e familias, pero toda a comunidade educativa debe implicarse á hora de plantexar estratexias de prevención para superar os conflitos de xeito positivo.

A Concelleira de Educación, Mar Eirís, subliñou a vontade do Concello de poñer un horario, os venres ás 20.00 horas, que poida facilitar a asistencia ao maior número de nais e pais e animou aos veciños e veciñas a que asistan e aproveiten esta ferramenta, porque os que teñen asistido en sesións anteriores descobren "que se lle pode sacar moito partido". As nais e pais, coa colaboración de toda a comunidade educativa, poden facer moito pola eliminación de problemas como a violencia nas aulas, apoiándose tamén en iniciativas como a do IES Parga Pondal, que conta con estratexias propias para a resolución de conflitos nas que participan os propios alumnos e alumnas.

Compartir: