Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo dará cobertura de banda ampla sen...

NOVAS TECNOLOXÍAS

Carballo dará cobertura de banda ampla sen fíos ao medio rural e instalará un repetidor de sinal de TDT no Val de Rus

Luns 10 de novembro do 2008

Nestes momentos, máis do 35 por cento da poboación rural non ten a posibilidade de ter unha conexión solvente a Internet, segundo se constatou nun estudo diagnóstico contratado pola Administración Local. Por esta razón, o Concello de Carballo contratou a elaboración dun proxecto para levar conexión de Internet por banda ampla a todo o territorio do municipio, ao tempo que se contactaba con teleoperadores para coñecer o seu interese en levar este servizo ao rural.

Constatada a viabilidade do proxecto, abriuse un prazo público para que as empresas rexistradas na Comisión do Mercado das Telecomunicacións e interesadas en prestar este servizo así o solicitaran. Finalmente, a compañía Accesos Web Alternativos-AWA comprometeuse a implantar o servizo. A partir de agora, os veciños interesados en poder contar nos seus fogares ou negocios co servizo de Internet de banda ampla sen fíos, xa poden contactar no número de teléfono 902 026 588. Nese contacto proporcionaráselles información sobre as tarifas e os detalles de conexión do servizo.

Por outra banda, está prevista a mellora do sinal de Televisión Dixital Terrestre no territorio municipal, xa que en breve inaugurarase un repetidor situado en San Paio para dar cobertura á zona do Val de Rus, onde se teñen detectado máis problemas de recepción, non só do sinal dixital, senon tamén do analóxico. A instalación deste transmisor comezou a principios do mes de outubro, e o Concello espera que as deficiencias estean corrixidas o antes posible.

Compartir: