Inicio Carballo ao día Hemeroteca O proceso de revisión do catastro urbano...

PATRIMONIO

O proceso de revisión do catastro urbano do Concello carballés entra na súa fase final

Xoves 6 de novembro do 2008

Igualmente, dende o Ministerio xa está realizada a nova valoración de todas as vivendas e construcións que están edificadas sobre chan rústico, e que, tras esta revisión, deixarán de pagar o Imposto sobre Bens Inmobles Urbanos, e pasarán a pagar o Imposto sobre Bens Inmobles Rústicos. Os novos valores catastrais serán notificados aos veciños e veciñas de xeito individual mediante unha carta enviada ao domicilio fiscal de quen figure como dono ou titular do inmoble no catastro.

Está previsto que figure na notificación:

  • A descrición da propiedade: superficie, usos, construcións, valores medios…
  • O novo valor catastral, que aparecerá como base impoñible
  • O valor catastral polo que pagará o IBI do ano 2009 -que aparecerá como base liquidable 2009-, que é sobre a que se paga o imposto municipal de 2009, e non sobre do valor catastral novo

O novo valor catastral surtirá efecto o 1 de xaneiro de 2009. Contra a notificación do novo valor, os interesados poden interpoñer un recurso no prazo dun mes. Para facilitar a notificación, así como a presentación de alegacións, o Concello de Carballo habilitará un servizo de atención ao público, formado por un técnico e cinco auxiliares, no que poderán recollerse as notificacións antes citadas, así como verificar os datos resultantes da revisión catastral, para solucionar posibles erros ou discrepancias.

O proceso realizarase entre os días 24 de novembro e 22 de decembro -ambos inclusive-, no segundo andar do Pazo da Cultura en horario de 9.00 a 14.00 horas, e de 16.00 a 18.00 horas, de luns a venres en días hábiles.

Compartir: