Inicio Carballo ao día Hemeroteca Iniciados os traballos para a implantación...

OBRAS

Iniciados os traballos para a implantación de semáforos e beirarrúas na travesía de Bértoa

Venres 17 de outubro do 2008

O proxecto que está en execución inclúe a dotación de servizos para a vía, coas canalizacións correspondentes e a creación de beirarrúas a ámbolos dous lados da estrada, así como a creación das bases e as conexións eléctricas para os semáforos. Unha vez rematada esta actuación, será outra empresa a encargada de implantar os sinais luminosos -que funcionarán con pulsador- e poñelos en funcionamento. Esta obra entronca co proxecto do goberno local de urbanizar toda a travesía de Bértoa, dende a rotonda de acceso ao polígono industrial ata o acceso ao casco urbano, e convertela nun lugar máis seguro para os veciños e veciñas.

Por outra banda, no apartado de obras, tamén hai que mencionar que a Deputación provincial acaba de sacar a licitación a obra para a creación dunha Estación Depuradora de Augas Residuais (EDAR) para Cances Grande de Cances da Vila, un proxecto que conta cun orzamento global de 151.000 euros. Esta depuradora forma parte dun programa piloto da Deputación que afecta a pequenos núcleos de población e que seleccionou estes lugares carballeses para formar parte da experiencia. Unha vez adxudicados os traballos, o prazo de execución da obra é de catro meses. Os interesados en obter máis información, poden consultar o anuncio no número 240 do Boletín Oficial da Provincia (BOP), do 17 de outubro.

Compartir: