Lingua

Lingua

Servizo de Normalización Lingüística 
[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n 
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 100 (ext.2750)
881 983 865 / 626 125 495
email: snl@carballo.gal

MARÍA LADO, PREGOEIRA DA PLIC

“Todo o que se escribe acaba pasando, así que vou escribir na miña libretiña que a Praza dos Libros dure moitos anos máis”

Venres 7 de xullo do 2023

Ánxeles Pacoret, María Lado, María Rivas e Evencio Ferrero

Ánxeles Pacoret, María Lado, María Rivas e Evencio Ferrero

“Os libros son unha cousa moi seria, porque literatura e lingua poden transformar a realidade, procurar unha sociedade e un futuro mellores”, dixo María Lado no fermoso pregón co que inauguramos a 16ª Praza dos Libros de Carballo. Á pregoeira salvoulle a vida La historia interminable, segundo contou, porque, do mesmo xeito que hai libros máxicos, sanadores, solidarios, que quitan o medo ou que nos fan sorrir, tamén hai libros que nos salvan a vida.

De todos eses tipos de libros, e seguramente de moitos máis, están repletas as casetas da Praza dos Libros de Carballo, que abriron as súas portas este xoves á par dos postos de churros, patacas, flores e tantos outros produtos que enchen cada sete días a Praza do Concello.

Carballo é “unha vila que se preocupa polos libros”, dixo María Lado, “e como eu penso que todo o que se escribe acaba pasando, vou escribir na miña libretiña que a Praza dos Libros dure moitos anos máis”. Tan agradecida se amosou a pregoeira da PLIC que mesmo fixo broma con mercar vivenda en Carballo, e o alcalde animouna: “Carballo está entre os tres primeiros pobos de máis de 30.000 habitantes coa vivenda máis barata, así que aproveita a oportunidade, tómoche a palabra”, correspondeulle Evencio Ferrero.

Cé Orquestra Pantasma animou a praza durante toda a mañá

Cé Orquestra Pantasma animou a praza durante toda a mañá

O pregón da ceense María Lado abriu a Praza dos Libros, que non puido ter mellor estrea. Polo tempo, polas vendas, pola animación e pola calidade dos espectáculos musicais e das presentacións literarias que se foron sucedendo ao longo da xornada. Pero durante toda a fin de semana quedan moitas horas para seguir gozando a gran feira da creatividade cultural de Carballo e para seguir alimentando “a ilusión de abrir novos libros e de ser felices lendo novas páxinas”, como desexou o alcalde. Ao público que se deu cita na carpa sumouse a subdelegada do Goberno, María Rivas, que aproveitou para promover o bono cultural xove, para os mozos e mozas que cumpren 18 anos neste 2023, e ao que están adheridas algunhas das librarías presentes na PLIC.

A PLIC continúa cunha proposta “de calidade e variedade”, como dixo a concelleira de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística, Ánxeles Pacoret, quen animou ao público de todas as idades a encher a praza “de ledicia gozando de contacontos coas crianzas, rebeirando nos postos das librarías, compartindo momentos e encontros coas amizades, escoitando boa música…; en definitiva, sentíndonos orgullosas e orgullosos da nosa lingua e da nosa cultura”.

Descargas

Compartir: