Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

Carballo ten un índice de 35 doazóns por habitante e ano, 4 puntos máis que no exercicio anterior

O Concello e Protección Civil adhírense á campaña de doazón de sangue de ADOS “Verán 2023: ti es o protagonista”

Sábado 29 de xullo do 2023

Presentación da campaña

Presentación da campaña

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o Concello de Carballo, en colaboración con Protección Civil deste municipio, están a promover o desenvolvemento da campaña especial “Verán 23. Ti es o protagonista” que achega o solidario xesto da doazón de sangue a toda a xeografía galega. A iniciativa foi presentada nunha rolda de prensa que tivo lugar no consistorio de Carballo, que contou coa presenza da directora de ADOS, Marisa López García; do alcalde, Evencio Ferrero; do concelleiro de Praias, Miguel Vales, e do coordinador de Protección Civil, Javier Souto.

Desde ADOS salientouse o seu máis sincero agradecemento tanto ao Concello como a Protección Civil e aos veciños e veciñas de Carballo, que efectuaron un total de 1.104 doazóns de sangue durante o 2022, o que representa unha taxa de 35 doazóns por cada mil habitantes e ano, catro puntos máis que no 2021.

O Concello, Protección Civil de Carballo e a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue promoverán a colaboración da veciñanza nas campañas de doazón de sangue, durante os días 3, 4 e 5 de agosto, para asegurar o gran labor asistencial dos centros hospitalarios galegos, que necesitan entre 400 e 500 doazóns diarias.

As temporadas de maior dificultade para a doazón de sangue coinciden cos períodos das vacacións estivais. Por esa razón, desenvólvense accións informativas cos concellos, para tentar garantir unha resposta adecuada co obxecto de cubrir a demanda de compoñentes sanguíneos que necesitan os hospitais galegos. Nesta campaña “Verán 2023: Ti es o protagonista” encádrase a colaboración que levará en Carballo unha unidade móbil de ADOS na vindeira semana.

DO 3 AO 5 DE AGOSTO

A unidade móbil de ADOS estará na Praza do Concello de Carballo o xoves 3 e venres 4 de agosto, das 10:00 ás 14:00 e das 16:00 ás 21:00 horas, así como o sábado 5 de agosto, das 10:00 ás 15:00 horas, para poder atender a todas as persoas que desexen participar nesta campaña en colaboración co Concello e Protección Civil de Carballo, destinada a promover e incentivar a participación neste xesto solidario. ADOS lembra que para doar sangue, debemos ser maiores de idade, pesar máis de 50 quilos e non padecer ou ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue.

Compartir: