Benestar

Benestar

Departamento de Servizos Sociais
[Antigo Ambulatorio] 
Praza do Médico Eduardo Mariño, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 706

A área de Servizos Sociais colabora nun programa de prevención da violencia, o suicidio e a exclusión social entre mulleres e adolescentes

Martes 20 de xuño do 2023

A Concellaría de Servizos Sociais, Igualdade e Sanidade colabora coa asociación Alar Galicia nun programa de prevención da violencia, o suicidio e a exclusión social no que participarán unha vintena de mulleres e outros tantos adolescentes.

Alar Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro que promove talleres e proxectos de carácter social, principalmente destinados a mulleres en risco de exclusión e difícil inserción socio-laboral e a menores que sofren distintos problemas que afectan tanto á súa saúde mental coma ao seu correcto desenvolvemento como persoas.

A intervención lévase a cabo mediante formación, terapia, acompañamento e seguimento de cada unha das persoas participantes. En Carballo comezamos o traballo con usuarios/as de Servizos Sociais, que, en función das súas necesidades poden acceder aos seguintes programas:

  • Voitheia: programa de prevención, sensibilización e intervención para persoas con tendencias suicidas e de apoio psicolóxico profesional co entorno. Vai dirixido a mozos e mozas de 12 a 30 anos e consiste en talleres de prevención e sensibilización tanto a nivel individual coma, sobre todo, en institutos, onde tamén se abordan situacións de acoso escolar, adiccións a substancias e novas tecnoloxías, habilidades na vida ou identidade sexual.
  • Teseo: programa de orientación e intervención psicoterapéutic apara a abordaxe de situación de violencia filioparental. O que se pretende é reducir o número de menores que exercen violencia (tanto física, como psicolóxica e económica) no ámbito familiar aumentando as habilidades parentais, sensibilizando e facilitando a detección dos casos no ámbito escolar.Tamén se trata de reducir o número de persoas que exercen violencia no ámbito escolar, facilitar a detección destes casos, aumentar habilidades parentais nos casos nos que existe relación conflitiva cos fillos, e sensibilizar sobre o acoso escolar e cibernético.
  • Atenea: programa de apoio e atención integral a mulleres vítimas de violencia de xénero especialmente vulnerables, ás persoas en situación ourisco de exclusión social por diferentes factores: pertencentes a familias monoparentais con fillos e fillas menores ao seu cargo, inmigrantes, con baixa cualificación, con baixos recursos económicos, en situación de desemprego ou cun salario inferior ao mínimo interprofesional, entre outros.
  • Oikos: pretende dar cobertura e apoio social a mulleres en risco de exclusión por diferentes motivos. O acompañamento realízase a través de apoio social individualizado, así como de charlas e talleres grupais centrados, entre outras, nas seguintes áreas: novas tecnoloxías, mellora das habilidades sociais, resolución de conflitos e mediación intrafamiliar ou corresponsabilidade nas tarefas do fogar.
  • Coaching con menores: proxecto baseado na protección e prevención do risco social a través do acompañamento individualizado e especializado de menores que se atopen en situación de desvantaxe, desamparo ou conflito social.

Ligazóns

Compartir: