Inicio Áreas Educación Conservatorio Novas O “Himno á alegría” soou...

DÍA DE EUROPA

O “Himno á alegría” soou en distintos espazos urbanos para conmemorar o Ano Europeo do Patrimonio Cultural

A programación do CMUS continuará mañá xoves no auditorio do Pazo da Cultura coa actuación do cuarteto de trompas CatroCores

Mércores 9 de maio do 2018

No Casino actuaron alumnos/as de piano e guitarra

No Casino actuaron alumnos/as de piano e guitarra

O Himno á alegría converteuse hoxe pola tarde no himno de Carballo, porque o alumnado do Conservatorio Profesional de Música interpretouno en distintos espazos urbanos como parte do repertorio conmemorativo do Ano Europeo do Patrimonio Cultural. O CMUS e o Concello de Carballo sumáronse deste xeito a convocatoria realizada polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) para que o 9 de maio, coincidindo coa celebración do Día de Europa, bandas orquestras e agrupacións musicais municipais saísen ás rúas a tocar, incluíndo no repertorio a coñecida peza da 9ª Sinfonía de Beethoven, que é, ademais, o Himno de Europa.

Ademais de promover a participación activa dos conservatorios, o obxectivo da iniciativa é vincular á cidadanía con Europa, o patrimonio cultural e a música. En Carballo sumáronse ao chamamento músicos/as e agrupacións do CMUS en diferentes espazos. A Orquestra Infantil de Cámara e a Banda Infantil de Música actuaron no palco do Parque do Anllóns; o alumnado de piano e guitarra, no Casino, e as  agrupacións de cámara, a Orquestra Xuvenil de Corda, o Coro do CMUS e a Big Band de Jazz, na Praza do Concello. A iniciativa, seguida moi de preto pola concelleira de Educación, Mar Eirís, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, resultou todo un éxito, e aínda que a tarde comezaba con máis nubes ca claros, a medida que avanzou a música polo pobo foise abrindo camiño o sol.

A Orquestra Infantil de Cámara, tras actuar no palco do Parque do Anllóns

A Orquestra Infantil de Cámara, tras actuar no palco do Parque do Anllóns

Mañá xoves seguirá soando a música a partir das 19 horas, porque volveremos a ter en Carballo ao cuarteto de trompistas CatroCores, integrado por catro trompistas galegas que desde o ano 2016 traballan para dar a coñecer distintos etilos musicais adaptados ou compostos para este conxunto instrumental tan pouco común, ao tempo que xogan co abano de cores que ofrece un instrumento coma a trompa. No repertorio que nos teñen preparado figuran Shaw, Weber, Brahms ou John Williams.

Compartir: