Inicio Áreas Cultura Axenda Exposición de Correa Corredoira...

Exposición de Correa Corredoira en homenaxe a Francisco Miguel

Mércores 29 de novembro do 2023 20.00 horas - Espiral Maior Foro

A Galería de Arte de Espiral Maior Foro (Rúa do Sol, 34) acolle a inauguración da exposición Francisco Miguel, o abismo do heroe, do pintor coruñés Correa Corredoira, un dos grandes referentes da pintura galega contemporánea. Presentará a exposición, ademais do autor, o escritor e director de Espiral Maior Foro Miguel Anxo Fernán Vello.

Pintor, gravador e escultor, Correa Corredoira realiza na presente exposición unha gran homenaxe ao pintor Francisco Miguel, considerado un dos grandes nomes da vangarda galega da primeira metade do século XX, e quen fora asasinado en Queo de Arriba (Bértoa) en 1936 polos falanxistas. Recentemente foron recuperados os seus restos dunha foxa común existente no cemiterio de Bértoa e a presente exposición é a primeira homenaxe ao artista que se realiza en Carballo despois deste feito.

Con máis de 50 exposicións individuais realizadas e con amplo recoñecemento internacional, a obra de Correa Corredoira, incluída nas coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, ten presenza, entre outros, no Centro Galego de Arte Contemporánea, Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa, Museo de Belas Artes da Coruña, Fundación María José Jove e Museo de Arte Contemporáneo Carlos Maside, así como en coleccións privadas de Galicia, España, Portugal, Europa, África e América.Referíndose ao pintor coruñés o escritor Manuel Rivas falou da existencia na súa obra de Correa Corredoira dun “clasicismo das paixóns” e o escritor e crítico de arte Xavier Seoane ten falado, en relación coa súa pintura, da “forza do xenesíaco, do pulsional, das máis vivas fontes da liberación”.

Compartir: