Presentación

Carballo vive o San Xoán máis longo da historia, porque nunca tivemos catro fins de semana seguidas de música e de festa. Nunca ata este ano, porque a comisión tira a casa pola ventá para encher o mes de xuño de animación e converter Carballo no punto de encontro de milleiros de persoas.

A actuación da Panorama, o pasado sábado 10, abriu as catro fins de semana de actos, ao longo dos cales pasarán por Carballo outras cinco orquestras de primeira liña, a leonesa La Última Legión, que causa furor coas súas versións de pop-rock español; a portuguesa Graffiti, que cada vez soa con máis forza, ou as galegas e tan queridas do público carballés como Trébol, Compostela e Israel. 

Pero ademais das 6 orquestras, este ano no San Xoán haberá tres dj, dúas charangas, catro corais e tres bandas de música, entre elas a de Carballo, que fará a súa presentación con nova composición e nova dirección. Nas festas tamén se trata de dar cabida a agrupacións da comarca e do municipio, e deste xeito nos pasarrúas teremos a oportunidade de escoitar a todos os grupos de gaitas carballeses. Serán nove en total. 

Teremos dúas sesións vermú, unha no Bosque, co dúo Eva e Camilo, e outra o día anterior no Rockin’, que este ano estrea horario e escenarios, como destacou Inés Rodríguez, membro da comisión, durante a presentación celebrada no Pazo da Cultura. O Rockin’ medra ao mesmo nivel que as propias festas, xa que este ano incluirá un concerto de presentación o venres 16, e un total de oito grupos ao longo da xornada do 1 de xullo. 

Pero ademais hai outros pratos fortes, tres en total, de estilos que nada teñen que ver con todo o “escoitado” ata agora. O día 17 tivemos en Carballo á mellor versión de Bruce Springsteen, xa que nos acompañaron o coñecido showman da televisión Manel Fuentes e a súa banda The Spring’s Team para ofrecer un auténtico tributo ao “Boss”. Novo cambio de rexistro no día do patrón, o 24 de xuño, porque no escenario da Praza do Concello estará David Bustamante presentando o seu novo traballo, “Amor de los dos”. E como fin de festa, o 2 de xullo pecharán a xornada familiar do Bosque os Festicultores Troupe. “Na miña xuventude –comentou Evencio Ferrero- o Bosque era o día máis importante da festa. Espero que pouco a pouco sexa ese bosque animado, ese lugar vivo, lugar de encontro, que as familias vaian e sigan impulsando o bosque como nos anos anteriores”. Con grupos como os Festicultores, seguro!

O San Xoán de Carballo é moito máis aínda. Temos un pregoeiro de excepción como o catedrático de Medicina Legal Ángel Carracedo, con raíces na parroquia de Rus. Temos arte, fogos de artificio, un novidoso festival infantil, un espectáculo de pompas de xabón xigantes tamén para os nenos e nenas... e actividades participativas como Concurso de Cachelas, o Descenso do Anllóns. “Poñemos todas as ganas e todo o traballo en animar as festas, e esperamos sobre todo que haxa moita participación. A valoración que facemos do éxito das festas é precisamente a participación, ver a praza chea, e tamén animar á xente a participar no concurso de cachelas, no Descenso do Anllóns... e que a xente goce das festas”, sinala a concelleira de Festas, Mar Eirís.

Compartir: