Participación veciñal

Participación veciñal

[Casa do Concello]
Praza do Concello, s/n
15100 - Carballo
Teléfono: 981 704 700     
Fax: 981 702 858
secretarioalcaldia@carballo.gal

O Consello Parroquial de Bértoa estreou o novo Centro Social na súa primeira xuntanza dende a pandemia

A circunvalación e a accesibilidade peonil na rotonda da AC-552 son as principais demandas da veciñanza

Venres 10 de xuño do 2022

O 9 de xuño foi día de estrea en Bértoa, porque o flamante Centro Social deseñado polo arquitecto Carlos Seoane abriu as súas portas para acoller a primeira xuntanza do Consello Parroquial dende o inicio da pandemia. “Agora hai que enchelo de actividade”, dixo o alcalde. Evencio Ferrero explicou o sistema de xestión que se está a utilizar na rede de centros sociais parroquiais, e convidou ás entidades de Bértoa a organizarse para sacarlle o máximo partido posible ás instalacións, polas que se realizou unha improvisada visita guiada polo concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Trigo. Os veciños queren inauguralas en setembro.

As principais demandas da veciñanza agora teñen que ver coa mobilidade. “A obra máis importante”, como a cualificou a secretaria do Consello Parroquial, é a circunvalación, e preguntaron ao alcalde pola tramitación. Evencio Ferrero informou de que a Xunta de Galicia está coa tramitación, pero que “de momento non houbo avances”. Unha vez máis demandouse tamén a accesibilidade peonil na rotonda da AC-552 mediante unha senda. O alcalde coincidiu na necesidade de habilitar ese paso peonil e de continualo cara a estrada de Caión, aínda que, ao tratarse dunha estrada autonómica, “calquera actuación debe contar coa autorización da Xunta”, engadiu.

Os representantes veciñais tamén se interesaron polas obras que quedaron pendentes de execución ao entrar en concurso de acredores a empresa Arias Infraestruturas. O alcalde explicou que quedaron pendentes actuacións por un importe aproximado de 40.000 euros, e que, dada a imposibilidade de desbloquealas doutro xeito malia as numerosas xestións realizadas, o Concello de Carballo resolverá o contrato con esa empresa, incautará o aval que tiña depositado e sacará de novo a licitación os traballos, que nalgúns puntos son imprescindibles dado o estado da calzada.

Outra actuación que xa está programada por parte do Concello é o aglomerado da vía que comunica o cemiterio de Bértoa co de Carballo, que xa conta con consigación dentro do Plan Complementario do POS+.

Por parte do Consello Parroquial realizouse un chamamento aos propietarios de terreos a facilitar as cesións para poder acondicionar dous camiños, en concreto do o Chamusco e o de Loenzo de Abaixo á Braña.

Na xuntanza deste xoves tamén se puxo sobre a mesa a posibilidade de completar a rede de saneamento, xa que a día de hoxe son moi poucas casas as que non dispoñen deste servizo.

Con respecto a peticións realizadas en anteriores xuntanzas, ademais do aglomerado da pista do Añón, o alcalde informou de que xa está feito o proxecto de acondicionamento do parque da Ponte de Bértoa, que se financiará con cargo ao remanente do ano pasado, e que se está elaborando o da comunicación do polígono industrial coa zona da escola infantil As Landras, aínda que neste caso é preciso conseguir antes a dispoñibilidade dos terreos.

Os próximos consellos parroquiais, que serán os últimos ata setembro, celebraranse en Sísamo, o día 14, e en Lema, o 16.

Compartir: