Inicio Carballo ao día Novas O San Xoán inclúe por primeira vez...

PRESENTACIÓN DO PROGRAMA DAS FESTAS

O San Xoán inclúe por primeira vez unha noite de meigas con sardiñada popular, música e unha gran cachela

A comisión de festas aposta polo talento galego con Xoel López e Carlangas nos concertos dos días centrais da semana grande de Carballo

Sábado 3 de xuño do 2023 Cultura

Maruxa Suárez, Evencio Ferrero e Sergio Varela presentaron o programa das festas

Maruxa Suárez, Evencio Ferrero e Sergio Varela presentaron o programa das festas

A posta en valor das tradicións do San Xoán, a aposta polo talento musical galego, a presenza das mellores orquestras da península e un amplísimo programa cultural serán os principais ingredientes das nosas festas, que neste 2023 queren outorgar un protagonismo especial á cativada e á mocidade para implicar aos carballeses e carballesas máis novos e fomentar a súa participación activa tanto na celebración coma, de cara ao futuro, na organización do San Xoán.

O presidente da comisión, Sergio Varela; a concelleira de Festas, Maruxa Suárez, e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, presentaron o extenso e variado programa que se desenvolverá non só ao longo da semana grande, do 21 ao 26 de xuño, senón ao longo de todo o mes de San Xoán, grazas á colaboración do movemento asociativo, tanto cultural coma deportivo, para que as actividades que teñen previstas tamén formen parte das nosas festas.

E como non hai festa sen música, este ano teremos moita, moita música. A comisión de festas aposta polo talento galego, e, así, nos días grandes de San Xoán contaremos con dous artistas galegos de proxección internacional: Xoel López e Carlangas, que compartirán a Praza do Concello con algunhas das mellores orquestras do momento: París de Noia, Grupo Bomba, Última Legión e Funçao Publika. E, ademais, bandas, charangas, corais, disco móbil, gaiteiros, grupos infantís, pinchadiscos... para ter animación musical da mañá á noite.

Neste 2023 temos moitas novidades! Recuperamos a revista das festas despois de catro anos, con interesantes artigos, fotografías e ilustracións, grazas á colaboración desinteresada dunha multitude de artistas e autores/as. Maruxa Suárez anunciou que estará á venda a partir do martes 6 de xuño na Biblioteca Rego da Balsa por 2,5 €.

E, seguindo coas tradicións, teremos unha noite de San Xoán moi especial, cunha gran sardiñada e churrascada popular, música, conxuro da queimada e unha cachela que fará historia, deseñada e construída por Maximino Pazos, gañador das últimas edicións do concurso de cachelas. Por certo que a vindeira semana abrirase o prazo para presentar as solicitudes de autorización para as cachelas.

Se a celebración da noite de meigas pretende converterse no punto de encontro da xente moza, este ano non só celebraremos o Día do Neno nas Atraccións senón toda unha xornada de actividades con Apego para desfrutar en familia con nenos e nenas de todas as idades. Os días 26 e 27 están pensados para que os máis pequenos da casa gocen plenamente das primeiras xornadas de vacacións.

Para inaugurar oficialmente estas festas tan especiais contaremos cunha pregoeira 100% carballesa, Gema Paz Bello, profesora xubilada e activista deportiva, social e cultural. O alcalde, coma todos os anos, foi o encargado de despexar a incógnita, e nesta ocasión, ademais, para falar dunha persoa que coñece ben, coa que ten compartido moitos e moi bos momentos grazas a ese factor que os une, que é o deporte.

Evencio Ferrero transmitiu o agradecemento do Concello de Carballo ás empresas patrocinadoras, entre elas, Opticalia Enríquez, que un ano máis patrocina o premio do concurso do cartel das festas; a todos os colaboradores e moi especialmente á comisión de festas polo seu traballo. O resultado é o programa que podedes descargar máis abaixo.

Descargas

Compartir: