Inicio Carballo ao día Novas A Xunta de Goberno Local aproba a revisión...

A Xunta de Goberno Local aproba a revisión excepcional de prezos de dúas obras afectadas polo aumento dos custos

Luns 30 de xaneiro do 2023

Imaxe de arquivo das obras de Cambre e Cambrelle

Imaxe de arquivo das obras de Cambre e Cambrelle

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a revisión excepcional de prezos de dúas obras, xa rematadas, afectadas pola suba dos custos, tal como prevé a lei para estes casos. Por unha banda, aplicarase un incremento de 37.154,35 euros no proxecto da rede de saneamento e abastecemento de auga en Cambre (Lema) e Cambrelle (Razo), dado que, tal como recolle o informe técnico correspondente, o incremento do custo dos materiais é dun 11,50%; por outro lado, na obra da rede de saneamento e abastecemento de auga na parroquia de Bértoa, o aumento dos custos é do 7,62%, o que supón 19.263,24 euros.

A situación actual está a provocar non só a revisión de prezos, senón tamén que algunhas obras queden desertas. É o caso, do que tamén se deu conta na xuntanza de hoxe, do aglomerado da vía das Labradas á Ponte de Bértoa, que saíra a licitación por 142.639,07 euros. Como se fixo noutros casos semellantes que están agora en contratación, como a mellora da accesibilidade peonil no barrio das Flores e a rúa Perú ou o acondicionamento da contorna da igrexa de San Martiño de Cances, iniciarase de novo o procedemento.

A Xunta de Goberno Local tamén aprobou a solicitude de suspensión do prazo de execución da rotonda da Revolta, que está só pendente do aglomerado e a sinalización. Neste caso, a obra viuse afectada polas choivas, que impediron realizar os ensaios de carga con placa sobre camión debido á gran cantidade de auga e humidade acumuladas no solo e subsolo, polo que se considerou necesario agardar á mellora das condicións meteorolóxicas.

Finalmente, en materia de contratación foi adxudicado á empresa Servicios Lacar Salnés S.L. o subministro de pellets para calefacción en distintos edificios municipais, por un prezo de 568,70 euros por tonelada.

Compartir: