Inicio Carballo ao día Novas Habilitadas 42 prazas para vehículos...

Habilitadas 42 prazas para vehículos pesados no novo aparcamento do polígono industrial de Bértoa

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar outra licenza para unha empresa de enerxías renovables

Martes 6 de decembro do 2022 Promoción Económica

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Mar Eirís, xunto ao novo aparcamento

Luis Lamas, Evencio Ferrero e Mar Eirís, xunto ao novo aparcamento

O Concello de Carballo vén de realizar un investimento de 243.259,84 euros no acondicionamento dunha zona de aparcamento para vehículos pesados no polígono industrial de Bértoa, atendendo deste xeito unha demanda do empresariado local. O alcalde, Evencio Ferrero, visitou o estacionamento, no que falta o pintado das prazas, acompañado polos concelleiros Luis Lamas e Mar Eirís.

O novo aparcamento para remolques e semi-remolques de Bértoa ocupa unha parcela municipal de 4.200 metros cadrados situada xunto ao complexo deportivo das Eiroas, con cabida para 42 vehículos.

Con esta actuación, executada pola Vázquez y Reino, é posible dotar o estacionamento das condicións axeitadas para ese tipo de uso, tanto no que se refire ao tipo de firme como á accesibilidade. As obras implicaron a creación dunha franxa vexetal con 25 arbustos autóctonos e 25 freixos, e outras melloras, como a instalación de varios sinais, a substitución da barreira de acceso situada na rúa Cobre e a instalación de dúas novas na rúa Zinc, contribuíndo deste xeito a mellorar a seguridade nas dúas fases do polígono.

Novas empresas

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar esta mesma semana unha nova licenza para unha nave industrial destinada a almacén e oficinas dunha empresa destinada á montaxe, instalación e mantemento de sistemas de enerxías renovables no polígono de Bértoa. O investimento acada os 370.000 euros.

No parque empresarial carballés só quedan dispoñibles 5 das 146 parcelas coas que contaba inicialmente. Nestes momentos Xestur ten en marcha un concurso de venda de solo que inclúe esas cinco parcelas.

Compartir: