Inicio Carballo ao día Novas En marcha as primeiras medidas para reducir o...

En marcha as primeiras medidas para reducir o consumo de auga tras a xuntanza con Augas de Galicia

O Concello de Carballo establece restricións nos servizos públicos e solicita a colaboración cidadá para evitar que a situación actual de prealerta se agrave

Luns 8 de agosto do 2022

Na reunión con Augas participaron representantes políticos e técnicos do Concello e do servizo do ciclo integral da auga

Na reunión con Augas participaron representantes políticos e técnicos do Concello e do servizo do ciclo integral da auga

Augas de Galicia confirmou hoxe que a seca persistente dos últimos meses e as previsións meteorolóxicas para o que queda de mes auguran un verán complicado na conca fluvial do Anllóns. Aínda que a situación agora mesmo é de relativa normalidade para esta época do ano, segundo os datos ofrecidos polos técnicos do departamento autonómico, dende Augas recomendaron aos concellos participantes que se anticipen “ao que poida vir” activando as medidas previstas nos plans municipais de emerxencias contra a seca para a situación de prealerta na que nos atopamos.

“Para os concellos con plans de emerxencias contra a seca é o momento de empezar a aplicar o que diga ese plan”, e para os que non o teñan, a recomendación é “prescindir dos usos da auga que non sexan imprescindibles”, indicaron dende Augas de Galicia.

No noso concello temos elaborado un Plan Municipal de Emerxencias contra a Seca, que se atopa en tramitación, e que para a fase de prealerta non establece restricións senón recomendacións. Aínda así, tras a xuntanza con Augas de Galicia celebrouse outra entre responsables técnicos e políticos do Concello de Carballo no que se acordou establecer unha serie de restricións que polo momento só afectarán aos servizos públicos, e que son as seguintes:

  • Eliminar os baldeos agás por causa xustificada
  • Pechar todas as fontes ornamentais
  • Intentar reducir ao máximo os consumos municipais
  • Limitar as regas das zonas verdes, que se farán en días alternos e reducindo o tempo
  • Colocar nas duchas das praias carteis informativos para que as persoas usuarias procuren abrir a auga o mínimo tempo posible
  • Trasladar á poboación unha serie de consellos básicos

Milagros Lantes e Evencio Ferrero compareceron para explicar as medidas adoptadas polo Concello

Milagros Lantes e Evencio Ferrero compareceron para explicar as medidas adoptadas polo Concello

Nestes momentos Carballo abastécese tanto do Anllóns como, sobre todo, do Bardoso, que achega arredor dun 60% da auga que consumimos. Dentro do Proxecto Anllóns-Bardoso, no que se investiron máis de catro millóns de euros, instaláronse dúas estacións de aforo de caudal augas arriba das dúas captacións existentes. Deste xeito é posible saber canta auga levan o Anllóns e Bardoso e canta se pode captar de cada un deles en cada momento. “A dobre captación favorece ao río Anllóns temán aos concellos situados augas abaixo”, indicou o alcalde, Evencio Ferrero.

O alcalde destacou que, xunto a este importante investimento, dende o Concello de Carballo tamén se está a realizar “moito traballo” na localización e eliminación de fugas ou avarías, un aspecto “moi importante”. E ademais apuntou que a captación dos 5.500 metros cúbicos de auga que se consumen a diario no noso concello non se realizan de xeito intensivo durante a noite, senón ao longo do día, para non afectar tanto ao caudal.

O goberno municipal está en comunicación permanente coa empresa concesionaria do servizo de xestión integral do ciclo da auga para coñecer a situación en cada momento por se fose preciso aplicar algunha medida restritiva. Así mesmo, tal como se acordou na xuntanza comarcal de hoxe, na que participou o responsable de Gestagua en Carballo, a empresa enviará a Augas de Galicia todos os datos técnicos e de consumo solicitados.

Evencio Ferrero aludiu tamén ás dificultades que poidan atravesar as traídas privadas, como ten ocorrido nos últimos anos e como semella que está empezando a pasar tamén este verán. Nese sentido, o Servizo Municipal de Protección Civil encargarase, como é habitual, de encher os depósitos veciñais.

Compartir: