Inicio Carballo ao día Novas "En Carballo hai lugar para todos os tipos...

"En Carballo hai lugar para todos os tipos de amor", unha campaña que visibiliza ao colectivo LGTBIQ+ no noso concello

Mozos e mozas carballeses protagonizan os carteis colocados na Biblioteca Rego da Balsa e en establecementos comerciais e de hostalaría dos distintos barrios

Martes 28 de xuño do 2022

César, Efran, Sara, Ramón, Carmela e Antía protagonizan a campaña que impulsamos dende o Concello de Carballo con motivo do Día do Orgullo, na que queremos visibilizar ao colectivo LGTBIQ+ pero tamén seguir avanzando cara a normalización das distintas formas de ser e sentir mediante a utilización de frases que deberían soar igual de ridículas cando se dirixen a persoas homosexuais ou trans que cando as destinatarias son persoas heterosexuais. Por iso, o noso lema é que en Carballo hai lugar para todos os tipos de amor.

Coa participación dos seus protagonistas e tamén de representantes municipais, hoxe presentamos esta iniciativa das concellarías de Mocidade e Igualdade no exterior da Biblioteca Rego da Balsa, convertida en símbolo da diversidade sexual grazas aos grandes carteis da campaña colocados na fachada e tamén á iluminación coas cores do arco iris que poderedes apreciar se vos achegades pola noite ata alí. Pero tamén o comercio e a hostalaría se suman á campaña cedendo os seus escaparates para a colocación dos seis carteis que forman a bandeira do orgullo.

A concelleira de Igualdade, Maica Ures, explicou que esta campaña forma parte do traballo continuado que se desenvolve dende o Concello de Carballo, sobre todo a nivel educativo, a través de xornadas de formación que se levan a cabo nos centros de ensino en colaboración con Alas Coruña pero tamén de iniciativas como as enquisas de información sexual que se realizaron este curso ou as campañas En Carballo, agresións 0’0 que se veñen desenvolvendo nos últimos anos, as máis recentes durante este San Xoán, “porque entendemos que a formación e a información son piares fundamentais”, dixo.

“Todas estas frases a todos nolas puideron dicir”, aseguraron os protagonistas dos carteis, que apelaron á necesidade de normalizar as diferentes formas de sentir, “porque son normais” e aseguraron que, aínda que queda moito camiño por percorrer, séntense apoiados pola familia, polas amizades e pola veciñanza. E ademais pensan que o feito de que as súas imaxes aparezan nos carteis que xa están colocados por toda a vila poden servir como referente para xente máis nova.

“Isto demostra que Carballo é unha sociedade madura, e a esa madurez contribúe xente nova, xente que quere ser feliz no seu pobo e aportar ao seu pobo a súa felicidade”, dixo o alcalde. Evencio Ferrero, subliñou a importancia de “que a xente se sinta identificada co seu corpo, que queira a quen queira se sinta libre e feliz coas amizades e as persoas que quere, porque iso é ser feliz”. E por iso ante o que cualificou como un “cambio social relevantísimo” que estamos a vivir, fixo un chamamento a evitar que determinados movementos non impliquen un retroceso” nas liberdades acadadas.



Galería

Compartir: