Inicio Carballo ao día Novas A Xunta abre o prazo para que as familias...

A Xunta abre o prazo para que as familias soliciten axudas para libros e material escolar e acceso ao fondo solidario de manuais

Venres 20 de maio do 2022 Benestar

A Xunta de Galicia abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2022/23. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o próximo día 22 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. Cómpre subliñar que a Consellería de Educación asegura a dotación de balde de libros e material para o 100% das familias que cumpran cos requisitos establecidos.

Axudas á compra
No caso do alumnado dos dous primeiros cursos de Primaria recibirán 210 euros no caso de renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros; e de 140 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

No caso do alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

Fondo solidario
No Fondo Solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

O alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. As familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro manuais.

Será requisito fundamental para acceder ao Fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.

Axudas para material escolar
O destinatario das axudas para material escolar é todo o alumnado matriculado en Educación Primaria e en ESO cunha renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros, e a contía da axuda é de 50 euros/alumno.

O alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia, o alumnado de Educación Especial ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% será beneficiario desta axuda con independencia da renda.

Compartir: