Inicio Carballo ao día Novas O xefe da Brigada de Obras, José...

O xefe da Brigada de Obras, José María Vázquez Vilar, xubílase tras máis de 40 anos de dedicación ao servizo público

O goberno municipal e unha ampla representación dos traballadores e traballadoras do Concello de Carballo participaron no acto de despedida

Venres 28 de xaneiro do 2022

Despois de case 42 anos de dedicación ao servizo público, para José María Vázquez Vilar chegou o momento da xubilación. O xefe da Brigada Municipal de Obras, cargo do que tomara posesión en xullo do ano 1999, despediuse hoxe nun acto organizado polos seus compañeiros e compañeiras no Fórum Carballo. Unha ampla representación do persoal municipal quixo acompañalo, e tamén se sumaron outros ex compañeiros xubilados e boa parte do goberno municipal.

Luis Lamas, responsable directo da Brigada Municipal de Obras como concelleiro de Obras e Servizos, puxo en valor a profesionalidade e a dedicación de José María, pero sobre todo destacou a súa entrega profesional e persoal ao pobo de Carballo. O alcalde, Evencio Ferrero, entregoulle un carballo de Sargadelos cunha placa que destaca, precisamente, esa dedicación ao servizo público, e desexoulle que desfrute da merecida xubilación. Tamén quixeron agasallalo os seus compañeiros e compañeiras, que lle fixeron entrega de varios obsequios.

José María Vázquez Vilar agradeceu as mostras de afecto e destacou o bo trato das distintas corporacións coas que traballou, pero “despois de case 42 anos, vai sendo hora de que poña punto final, porque a idade non para e ademais hai que deixar paso a outra xente que vén con mellores ideas e seguramente o fará mellor ca min”, sinalou. O seu posto na Brigada Municipal de Obras será ocupado por Manolo Mariño.

Compartir: