Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo sumouse á...

O Concello de Carballo sumouse á campaña "O marrón, o contedor que devolve a vida" na Semana Europea de Prevención de Residuos

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos achegáronse ata o posto informativo instalado por Sogama no mercado do xoves

Xoves 25 de novembro do 2021

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse ata o posto informativo

Evencio Ferrero e Luis Lamas achegáronse ata o posto informativo

Coincidindo coa Semana Europea da Prevención de Residuos, que se celebra do 20 ao 28 de novembro, o Concello de Carballo sumouse á campaña “O marrón, o contedor que devolve a vida”, impulsada por Sogama, co apoio da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e  Vivenda, para potenciar o uso do quinto contedor (de cor marrón). Carballo é, de feito, un dos tres concellos galegos pioneiros na implantación da recollida selectiva da denominada quinta fracción.

Aproveitando o mercado do xoves 25 de novembro instalouse na rúa Coruña un punto informativo, que estivo atendido por educadoras ambientais especializadas en xestión sostible de residuos, a fin de abundar nas boas prácticas vinculadas á redución, a reutilización e a reciclaxe e, máis especificamente, na importancia de valorizar a materia orgánica a través da súa transformación en compost de calidade. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, achegáronse ata o stand para interesarse pola iniciativa e pola resposta da cidadanía.

As monitoras lembraron ao público o que debe e non debe depositarse no colector marrón, e resolveron as dúbidas trasladadas pola cidadanía en relación á correcta xestión dos refugallos urbanos. Así mesmo, ao longo da xornada repartiron bolsas de compost producido na planta de compostaxe de Sogama e diverso material informativo e promocional.

Esta iniciativa reforza o reparto de compost realizado o día 14 polo Concello de Carballo, o primeiro de Galicia en utilizar o produto resultante do tratamento dos bio-residuos do colector marrón na planta de compostaxe de Sogama. Un total de 400 familias do noso concello que participan no programa “Ti tes a chave” recolleroon as bolsas, nunha iniciativa pioneira coa que quixemos visibilizar os resultados que poden acadarse cun xesto tan sinxelo como depositar os residuos orgánicos nos colectores marróns.

Compartir: