Inicio Carballo ao día Novas As obras da rúa Tarragona entran na...

As obras da rúa Tarragona entran na súa fase final ao tempo que avanzan as dos Baños Vellos

A posta en valor da contorna do balneario inclúe a reurbanización das rúas Ourense, Baños Vellos, Pontevedra, Estrela, Lugo e Chile

Mércores 17 de novembro do 2021

As obras das rúas Ourense e Baños Vellos forman parte do mesmo proxecto

As obras das rúas Ourense e Baños Vellos forman parte do mesmo proxecto

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, fixo hoxe un percorrido polas rúas urbanas nas que continúa nestes momentos o proceso de mellora dos servizos e da accesibilidade que estamos a estender por toda a zona urbana.

Na rúa Tarragona as obras están xa na súa fase final. Despois do derrubo parcial dunha edificación que estaba fóra de ordenación e que foi cedida pola propiedade, acometeuse a renovación dos servizos urbanísticos ou instalación onde non os había, de xeito que a rúa está dotada agora de rede de abastecemento de auga, nova rede de saneamento, rede de pluviais, canalización para o futuro soterramento da rede eléctrica, e redes de gas e telecomunicacións. Tamén están rematadas as beirarrúas e practicamente só quedan pendentes a pavimentación do carril de circulación, a plantación de árbores e a instalación de mobiliario urbano.

Juan Seoane, nas obras da rúa Tarragona

Juan Seoane, nas obras da rúa Tarragona

A actuación desenvólvese no treito da rúa Tarragona comprendido entre as veciñas rúas da Saúde e Barcelona: 31 metros de lonxitude, 12 de ancho e 396,58 metros cadrados de superficie. Os traballos son executados pola empresa Gestal y López cun orzamento de 58.869,19 euros.

Mentres unhas obras rematan outras arrincan. Así, no primeiro mes de traballo na contorna do balneario, a empresa Excavaciones y Obras Candal continúa avanzando na reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos, nas que, como no caso anterior, tamén se renovarán ou instalarán todos os servizos e se seguirá o modelo de plataforma única. O proxecto tamén prevé a plantación de arborado, e a instalación de mobiliario urbano e dunha fonte, no encontro das rúas, que será o elemento central dunha intervención artística para rememorar a historia termal do ámbito.

Obras na rúa Ourense

Obras na rúa Ourense

O plan director de mellora da contorna do balneario inclúe tamén a reurbanización da rúa Pontevedra, xa adxudicada e que se acometerá de seguido, e das rúas Estrela, Lugo e Chile, que xa teñen orzamento e contrataranse nos vindeiros meses. O investimento total nese ámbito achégase aos 700.000 euros.

Compartir: