Inicio Carballo ao día Avisos O Concello de Carballo pon a disposición...

O Concello de Carballo pon a disposición do sector agrogandeiro un servizo gratuito de recollida a domicilio de plásticos agrícolas

Xoves 26 de agosto do 2021

Co obxectivo de facilitar a correcta xestión dos plásticos agrícolas, o Concello de Carballo ofrece aos produtores interesados a posibilidade de dispoñer dun servizo gratuíto de recollida a domicilio. As persoas interesadas deben chamar ao Punto Limpo (981 754 917) e facilitar os seus datos persoais (nome, teléfono de contacto e punto de recollida) para que a empresa poida establecer un calendario de recollida. A maiores existe un sistema similar de recollida para os socios da cooperativa Coreber. Os plásticos deben estar o máis limpos posible e atados de xeito que se facilite a súa retirada.

Lonas do silo e sacos procedentes dos rolos de herba son os principais residuos que moitas veces a veciñanza non sabe onde tirar. Con esta iniciativa ambiental promovida polo Concello de Carballo é posible, por unha banda, manter limpa a contorna e, por outra, xestionar estes refugallos do xeito apropiado. Así, esta empresa xestora de ámbito autonómico encárgase posteriormente do transporte dos plásticos ata a planta de tratamento, onde son sometidos a un proceso mecánico de reciclaxe do que se obtén materia prima para a fabricación doutros produtos, dándolles así unha nova vida.

Compartir: