Inicio Carballo ao día Novas A veciñanza do noso concello depositou o...

A veciñanza do noso concello depositou o ano pasado case 200.000 prendas nos contedores de roupa e calzado

O uso dos colectores xestionados pola ONG Humana incrementouse en máis dun 40% nos últimos seis anos

Venres 19 de febreiro do 2021

Humana ten 34 colectores no noso concello. Na imaxe, o da Brea

Humana ten 34 colectores no noso concello. Na imaxe, o da Brea

A Fundación Humana, que promove a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil e desenvolvendo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, recolleu o ano pasado en Carballo 88 toneladas de téxtil usado, que equivalen a 199.700 prendas. O uso dos contedores específicos para este tipo de residuo incrementouse con respecto ao ano anterior nun 7,4,2%, malia que o servizo estivo interrompido durante un mes (dende finais de abril ata finais de maio) por mor da pandemia. Deste xeito, o aumento acumulado nos últimos seis anos sitúase por riba do 40%.

Nestes momentos contamos con 34 puntos de recollida de téxtil no noso concello, distribuídos tanto pola zona urbana coma pola rural. Froito da boa resposta da veciñanza, Humana escolleu o noso concello para poñer en práctica xa no ano 2019 unha experiencia piloto que ten como finalidade acadar os obxectivos do 55% de reciclaxe de residuos establecidos pola UE para o ano 2025.

Carballo conta cun contedor por cada 900 habitantes, mentres que a media española é de un por cada 5.000. “Queremos certificar que unha contenerización correctamente dimensionada é clave para recuperar unha maior cantidade de téxtil e cumprir os obxectivos da Unión Europea en materia de residuos”, explica o responsable de Humana en Galicia, Ricardo Rodríguez, que quixo agradecer “a solidariedade e a confianza dos veciños e veciñas do concello”.

Nos contedores de Humana podemos depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar que non usamos e que deste xeito poden ter unha segunda vida, ademais de contribuír ao desenvolvemento de proxectos sociais. Ademais, o servizo é gratuíto e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos.

Os 88.243,71 quilos recollidos o ano pasado en Carballo, que equivalen a 199.772 prendas, permitiron reducir as emisións de CO2 en case 280 toneladas. Deste xeito tamén estamos a colaborar na protección do medio ambiente e na loita contra o cambio climático.

Compartir: