Inicio Carballo ao día Novas A Policía Nacional tramitou o ano pasado...

A Policía Nacional tramitou o ano pasado en Carballo un total de 11.855 DNI e pasaportes malia o peche do mes de abril

A tramitación deste tipo de documentos é unha das excepcións ao actual peche perimetral do noso concello pola COVID-19

Venres 15 de xaneiro do 2021

Oficina de tramitación do DNI

Oficina de tramitación do DNI

A Unidade de Estranxeiría e Documentación da Policía Nacional, que ten a súa sede na planta baixa da Casa do Concello, tramitou o ano pasado un total de 11.855 documentos, un 17% menos que o ano anterior. Malia o peche da oficina durante o mes de abril, só se tramitaron 813 carnés de identidade menos que o ano anterior, pero o descenso explícase pola cifra de pasaportes, que se reduciu a menos da metade, xa que, como consecuencia da caída en picado das viaxes, pasou de 2.857 a 1.252.

A media mensual no 2019 superaba os 1.000 documentos, pero o ano pasado reduciuse ata os 883 debido á redución drástica da actividade durante o estado de alarma. En marzo aínda se tramitaron 606 documentos (482 DNI e 124 pasaportes), pero en abril a oficina estivo pechada e non se realizou ningún, e en maio foron só 48 DNI e ningún pasaporte. A actividade empezou a remontar en xuño, con 921 documentos.

O servizo cumprirá catro anos o 20 de marzo, e dende a súa posta en marcha mantén unha actividade moi elevada. Entre o 20 de marzo do 2017 e o 31 de decembro do 2020 foron tramitados máis de 50.000 documentos.

A maior parte das persoas que utilizan o servizo son veciños e veciñas da comarca de Bergantiños, pero a oficina de Carballo xa é un punto de referencia a nivel supracomarcal. Segundo informan dende o servizo, a tramitación do DNI ou o pasaporte é unha das excepcións ás restricións de mobilidade vixentes dende hoxe no noso concello. Abonda con presentar o xustificante da cita que se envía a todas as persoas usuarias ao teléfono móbil, tanto se a solicitan por teléfono a través do 060, como por Internet dende a páxina www.citapreviadnie.es ou mesmo de xeito presencial nas dependencias situadas na planta baixa da Casa do Concello, con acceso directo dende a rúa Cervantes. A oficina está aberta de luns a venres de 08.30 a 14.30 horas, xa que a partir do estado de alarma ampliouse o horario.

Compartir: