Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo xestionou nos...

O Concello de Carballo xestionou nos últimos dez anos 751 comunicacións previas de inicio de actividades empresariais

No 2020, malia a crise sanitaria, tramitouse a entrada en funcionamento de 58 novos locais de negocios

Luns 11 de xaneiro do 2021

Escaparate dun comercio carballés durante o Nadal

Escaparate dun comercio carballés durante o Nadal

A Oficina Técnica Municipal tramitou o ano pasado 58 comunicacións previas de inicio de actividade empresarial, 17 delas no último trimestre. Malia a crise sanitaria, económica e social que protagonizou o 2020, no noso concello mantívose a iniciativa emprendedora a moi bo nivel, na media do período 2013-2016. Entre os novos establecementos témolos de todos os sectores: ferretaría, hospedaxe, téxtil, venda online, márketing ou tecnoloxías da información e a comunicación, inmobiliaria, despachos profesionais, coworking, alimentación, fontanería, produtos de macramé ou unha explotación agrícola de produtos naturais, entre moitos outros, aínda que os máis numerosos son os relacionados coa hostalaría e a beleza.

Carballo continúa a ser un concello moi dinámico a nivel empresarial e comercial. Nos últimos 10 anos, dende que as antigas licenzas de actividades inocuas e molestas foron substituídas por actividades sometidas ou non a avaliación ambiental (2011 e 2012) ou polas actuais comunicacións previas de inicio de actividade (vixentes dende o 2013), a Oficina Técnica Municipal tramitou 751 solicitudes para a posta en marcha de todo tipo de establecementos. Esta cifra non inclúe as actividades que se desenvolven en domicilios, que non requiren o acondicionamento dun local.

Nos últimos dez anos tamén se tramitaron 112 licenzas para a construción de naves no polígono industrial de Bértoa, 10 delas o ano pasado.

Compartir: