Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo contará cun servizo...

O Concello de Carballo contará cun servizo estable e integral de mantemento da rede viaria municipal

No período 2020-2024 está previsto un investimento de 2,5 millóns de euros na conservación e reparación dos firmes, a roza e a sinalización das vías urbanas e rurais

Mércores 30 de setembro do 2020

A partir de agora, o Concello de Carballo contará cun servizo integral de mantemento da rede viaria municipal que se articulará arredor de tres grandes áreas de actuación: conservación e reparación de vías, sinalización e roza. A estabilidade do servizo garantirase mediante contratos de ata cinco anos de duración con empresas especializadas en cada un destes ámbitos, o que permitirá atender coa maior celeridade calquera incidencia relacionada coas rúas, pistas e estradas pavimentadas de titularidade municipal.

A Xunta de Goberno Local adxudicou esta semana os primeiros contratos:

Conservación, mantemento e reparación das vías públicas

O contrato de servizos de conservación, mantemento e reparación das vías públicas dividiuse en dous lotes: o número 1, correspondente ás vías de fóra da zona urbana e o número 2, que inclúe as rúas urbanas. Os dous foron adxudicados á empresa Construcciones López Cao, que ofreceu unha redución do 10,80% con respecto aos prezos máximos establecidos polo Concello de Carballo. O contrato terá unha duración máxima de cinco anos (2 anos de duración inicial máis tres prórrogas de 1 ano) e suporá un investimento máximo de 1.560.108 euros: o 65,5% na zona rural e o 34,5% na urbana.

A empresa terá que asumir, entre outros traballos, a apertura e limpeza de gabias, reparación de defectos ou danos na capa de rodaxe, asfaltados, fresados, reparación de arquetas ou drenaxes. En función da urxencia establecida polos servizos municipais, os traballos terán que executarse nun prazo que vai dende un día ata un mes, e en calquera caso terán un ano de garantía.

Sinalización horizontal e vertical

Contrato de conservación, mantemento, reposición e traballos de sinalización horizontal e vertical na rede viaria. Tamén foi adxudicado na Xunta de Goberno Local á empresa SACYR Conservación S. A., que ofreceu unha redución do 35,07% con respectos aos prezos fixados no prego de prescricións técnicas. O contrato terá, como no caso anterior, unha duración inicial de 2 anos, que poderá ser prorrogada ata un total de cinco anos, e o investimento total acadará os 291.380 euros.

En canto á sinalización horizontal, a empresa encargarase do repintado das marcas viarias existentes (liñas de separación de carrís ou dos bordes da calzada, pasos de peóns, frechas, símbolos, prazas para persoas con mobilidade reducida, zonas de carga e descarga, zona azul, vaos permanentes...) e da limpeza e substitución dos elementos complementarios necesarios para manter en bo estado as características de luminancia, antideslizamento ou retroflexión, que afectan á seguridade viaria.

En canto á sinalización vertical, o cometido da adxudicataria será realizar inspeccións periódicas para detectar e reparar as anomalías de todo tipo (postes, elementos de fixación, limpeza...).

Tamén se compromete a actualizar o inventario da sinalización, a elaborar informes periódicos sobre o estado dos elementos ou a presentar un programa anual de actuación, entre outros cometidos. Como no caso anterior, os prazos de actuación varían en función da urxencia e poden ir dende 1 ata 10 días.

Roza das vías

O terceiro contrato en marcha é o relativo á roza das vías e espazos públicos, que tamén se divide en dous lotes: un para a zona urbana e outro para a rural. Neste caso, o prazo para que as empresas presenten as súas ofertas aínda está aberto ata o 13 de outubro. Os contratos terán unha duración inicial de 1 ano, prorrogable ata un máximo de 5, e o prezo máximo entre os dous lotes será de 599.804,55 euros para os cinco anos.

Compartir: