Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo porá en marcha unha...

O Concello de Carballo porá en marcha unha nova liña de axudas a autónomos e pemes por case 700.000 euros

Dende o 15 de setembro levamos recibidas 11.127 solicitudes de axudas “Sempre Carballo”, das que poden beneficiarse todos os veciños e veciñas maiores de idade

Martes 29 de setembro do 2020

O goberno municipal aprobou na Xunta de Goberno Local celebrada este luns 28 a adhesión do noso concello ao Fondo de financiamento para a reactivación económica e social da provincia da Coruña, que permitirá inxectar 688.222,72 euros máis no tecido empresarial. Esta cantidade, que será financiada nun 80% pola Deputación e complementada polo Concello de Carballo co 20% restante, permitirá establecer liñas de axuda directas a persoas autónomas e microempresas.

Segundo os datos do IGE, no noso concello hai 2.833 autónomos/as e empresas con menos de 10 persoas asalariadas, o que supón a cifra máis alta de todos os municipios da provincia de menos de 50.000 habitantes.

As axudas previstas permitirán contribuír á recuperación e á viabilidade das pemes, que constitúen o sustento das economías locais, no novo contexto socioeconómico da era post COVID-19. Ao mesmo tempo, suporán unha oportunidade para complementar as axudas para a reactivación económica local asumidas polo Concello de Carballo con fondos propios e materializadas a través do programa de axudas “Sempre Carballo”, que está dotado con outros 700.000 euros.

Dende a apertura do prazo, o 15 de setembro, levamos recibidas 11.127 solicitudes, e xa foron validadas máis de 5.000, o que supón que a vindeira semana empezarán a chegar aos domicilios as primeiras tarxetas-bono cun saldo de 30 euros que poderá consumirse nun total de 272 establecementos e servizos. O prazo de solicitude continúa aberto ata o 15 de novembro a través da páxina web www.semprecarballo.gal. As axudas van destinadas a todas as persoas maiores de idade e empadroadas en Carballo en data anterior ao 31 de xullo deste ano.

Evencio Ferrero: "Debemos impulsar o comercio de proximidade, que é o que nos dá estrutura como pobo, e intentar que a COVID-19 o debilite o menos posible"

“Debemos impulsar o comercio de proximidade, que é o que nos dá estrutura como pobo, e intentar que a COVID-19 o debilite o menos posible”, sinalou o alcalde, Evencio Ferrero, en alusión ás distintas accións que se veñen impulsando dende o Concello de Carballo para tratar de combater os efectos negativos que a crise sanitaria está tendo na economía, tanto a nivel global coma local.

Ademais de inxectar case 1,4 millóns de euros na economía local, dende o Concello de Carballo vimos impulsando outras iniciativas de axuda á empresa local, como a exención da taxa pola ocupación de solo público con terrazas de hostalaría para todo o ano 2020, a campaña de dinamización das compras nas librarías locais ou a posta en marcha dun servizo de asesoramento e apoio, que segue a disposición da empresa local a través da páxina web http://covid19.carballo.gal/.

Compartir: