Inicio Carballo ao día Novas Entran en funcionamento os primeiros pasos de...

Entran en funcionamento os primeiros pasos de peóns “intelixentes” do núcleo urbano de Carballo

O proxecto de mellora da seguridade viaria, co-financiado entre o Concello e a Deputación, inclúe actuacións de distinto tipo en 43 pasos de peóns

Sábado 26 de setembro do 2020

A iluminación actívase cando pasa unha persoa

A iluminación actívase cando pasa unha persoa

Esta fin de semana empezaron a funcionar en período de probas os primeiros pasos de peóns “intelixentes” de Carballo. Caracterízanse porque “detectan” aos peóns e poñen en funcionamento unha serie de mecanismos para alertar aos condutores sobre a súa presenza: aumenta a intensidade da iluminación do alumeado público e actívase un panel luminoso cunha lenda, tamén luminosa, que advirte da presenza do peón. En principio instalaranse 14 nos puntos máis conflitivos da rede viaria urbana. Os dous primeiros están situados a ámbolos lados da ponte de Isabel II, un na rúa Fomento, onde ademais vai acompañado cun paso de peóns elevado, e outro xa na avenida de Fisterra. Técnicos municipais e da empresa concesionaria do alumeado público explicaron o seu funcionamento en directo ao alcalde, Evencio Ferrero, e aos concelleiros de Mobilidade, Juan Seoane, e Servizos, Luis Lamas.

A instalación destes pasos de peóns “intelixentes” forma parte dun proxecto de mellora da seguridade viaria nos pasos de peóns do núcleo urbano que está a executar a empresa Vázquez y Reino cun orzamento de 189.244 euros, co-financiados entre o Concello de Carballo e a Deputación da Coruña.

Distintas actuacións segundo o paso de peóns

En total actuarase nos 43 pasos de peóns con maior intensidade de tráfico rodado e peonil do núcleo urbano, e que se sitúan nas rúas Compostela, Avenida Milagrosa, Avenida Fisterra, Vázquez de Parga, Luis Calvo, Daniel Castelao, Fomento, Gran Vía, Sol, Berdillo, Poñente, Fábrica, Malpica, Razo, Perú, Avenida Ponte da Pedra, Vicente Risco e Río Anllóns.

O tipo de traballos que se levarán a cabo variará en función da situación de cada paso de peóns, e, deste xeito, poderán centrarse na mellora da iluminación, da sinalización horizontal e vertical e/ou noutras medidas enfocadas ao calmado do tráfico.

Cando non

Cando non "detecta" peóns, a iluminación apágase

Para a mellora da iluminación están contempladas dúas actuacións diferentes. Nos pasos de peóns con luminarias situadas a menos de sete metros, substituirase a luminaria por unha de maior potencia; mentres que naqueles casos nos que a luminaria se atope máis alonxada de sete metros instalarase un novo punto de luz formado por unha columna cilíndrica de 6 metros de altura na que se colocará un proxector concentrador de luz que ilumine o paso de peóns.

En canto á mellora da sinalización horizontal, pintaranse os pasos de peóns con pintura termoplástica en frío, máis resistente ao paso do tempo, en branco e vermello, co obxectivo de facelos máis visibles. Ademais, instalaranse captafaros reflectores a unha cara na fronte de cada banda branca.

Para mellorar a sinalización vertical existente instalaranse paneis luminosos que ademais incorporen un texto que advirta da presenza do peón ó condutor. Tamén se incorporará un detector de presenza a ambas marxes da beirarrúa para que eses sinais luminosos só se acendan cando exista a presenza dun peón. Ademais, colocarase un sinal de limite de velocidade a 20 km/h.

Por último, aplicaranse medidas de calmado de tráfico para reducir a velocidade dos vehículos. Así, instalaranse un paso de peóns elevado e 'cojines berlineses' de goma bicolor en cinco das localizacións con maior intensidade de tráfico.

No paso de peóns da rúa Fomento, por exemplo, aplicaranse os catro tipos de medidas. Noutros casos serán tres, dúas ou unha, en función das características do paso.

Compartir: