Inicio Carballo ao día Novas Presentado o proxecto do Parque Comercial A...

ASISTIRON O ALCALDE E A CONCELLEIRA DE PLANIFICACIÓN URBANA

Presentado o proxecto do Parque Comercial A Revolta, que abrirá as súas portas no Nadal do 2022

A construción do complexo, impulsado por empresariado local, suporá un investimento superior aos 26 millóns de euros e a creación de centos de empre

Venres 25 de setembro do 2020

A presentación realizouse no Fórum

A presentación realizouse no Fórum

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación Urbana, Milagros Lantes, asistiron hoxe no Fórum á presentación do proxecto do Parque Comercial A Revolta, unha forte aposta de tres empresarios con implantación no noso concello que permitirá “crear un concepto comercial novo na nosa área de influencia”. Así o asegurou Juan Vilariño, administrador da sociedade, que amosou ademais o “orgullo” de poder promover unha iniciativa tan ambiciosa no seu concello.

O encargado de expoñer o proxecto en detalle foi Pablo Polín, responsable de desenvolvemento comercial do Parque Comercial A Revolta, que ocupará  unha parcela de máis de 50.000 metros cadrados na que xa se están a levar a cabo obras de explanación. Segundo as previsións da empresa, a tramitación administrativa rematará a mediados do ano que vén coa consecución da autorización autonómica, preceptiva para establecementos destas dimensións, e o complexo poderá abrir as súas portas no Nadal do ano 2022.

O Parque Comercial A Revolta suporá un investimento de 21.600.000 euros, aos que se sumarán outros cinco millóns dos operadores. Na fase de construción crearanse 320 empregos directos e 445 indirectos, mentres que na de explotación xeraranse 202 empregos directos e 283 indirectos.

O complexo contará con establecementos de ocio, restauración e comercio de diferentes sectores. Ademais de “marcas líderes no seu sector”, como apuntou Pablo Polín, resérvase unha zona de tendas para empresas locais. Tamén ofrecerá unha gran terraza cuberta, un dos elementos imprescindibles na era post-COVID xunto aos solos autolimpables ou os accesos directos dende o exterior, evitando corredores e apostando polos espazos abertos. “Está pensado para as persoas”, asegurou.

Os promotores apostan tamén pola sustentabilidade incluíndo servizos como unha electrolinera, 190 árbores, sistemas de xestión da auga, iluminación 100% led ou unha parada de autobús para fomentar o uso do transporte público. En canto aos accesos, o proxecto inclúe a construción dunha rotonda na estrada comarcal grazas á colaboración entre o Parque Comercial A Revolta e o Concello de Carballo.

Ramón Regueira, Juan Vilariño, Evencio Ferrero, Milagros Lantes e Pablo Polín

Ramón Regueira, Juan Vilariño, Evencio Ferrero, Milagros Lantes e Pablo Polín

“A elección de Carballo non foi casual, senón que obedece a que é a capital dunha gran comarca, pola súa actividade comercial, por ser unha das principais cidades de tipo B de Galicia e pola accesibilidade, que mellorará con esa rotonda”, expuxo Pablo Polín.

O alcalde, que pechou o acto, expresou o seu desexo de que este proxecto “sirva para reforzar o liderado de Carballo e contribúa a esa aposta decidida para que este concello sexa un bo lugar para vivir e para investir, e que iso redunde na creación de novos proxectos emprendedores”. Evencio Ferrero agarda que a iniciativa evite “a fuga de mercado” cara as grandes superficies comerciais das cidades e que contribúa a reforzar o comercio e a empresa locais.



Galería

Compartir: