Inicio Carballo ao día Novas Xa son case 1.500 as familias carballesas que...

Xa son case 1.500 as familias carballesas que participan nas iniciativas de compostaxe promovidas polo Concello

O luns comezará o reparto de 50 novos composteiros individuais e seguimos recibindo solicitudes

Mércores 23 de setembro do 2020

Composteiro individual

Composteiro individual

As iniciativas de compostaxe que se levan a cabo no noso concello teñen unha excelente acollida. Nestes momentos son case 1.500 as familias que participan na selección dos bio-residuos en orixe, ben a través do programa urbano “Ti tes a chave”, que supera xa as 1.000 vivendas e os 100 establecementos adheridos, ou ben a través do programa de compostaxe doméstica individual que funciona dende hai varios anos na zona rural e no que están implicadas 342 familias.

Pronto haberá 50 máis, porque o luns comezaremos o reparto dun novo lote de composteiros, en colaboración con Sogama, que se entregarán por orde de solicitude. As persoas interesadas poden seguir enviando a súa petición a través do Rexistro Municipal, xa que a intención da área de Servizos é seguir atendendo todas as peticións.

Nesta ocasión repartiremos 50 composteiros de 390 litros de capacidade e fabricados con materiais reciclados e reciclables. Para facilitar o seu uso, ademais, o Concello de Carballo iniciará o reparto de aireadores, que irán chegando nas vindeiras datas ás 392 vivendas da zona rural adheridas ao programa de compostaxe doméstica. Ademais da boa valoración que ten a iniciativa, un indicador máis do éxito da compostaxe no noso concello é que o índice de uso dos composteiros acada o 92%.

Contedor marrón, para recoller os bio-residuos na zona urbana

Contedor marrón, para recoller os bio-residuos na zona urbana

Xunto aos composteiros e aos aireadores, que se entregan de balde, as persoas participantes tamén reciben un manual didáctico de apoio con respostas ás preguntas máis frecuentes e consellos para conseguir un abono de alta calidade. Se alguén precisa máis recursos pode acceder a eles na páxina web www.compostaconsogama.gal.

Carballo foi un dos pioneiros na recollida selectiva da fracción orgánica tamén coa posta en marcha do programa “Ti tes a chave”, que segue recibindo adhesións e supera xa as 1.000 vivendas. As persoas interesadas poden achegarse de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ao local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34).

Descargas

Compartir: