Inicio Carballo ao día Novas O Coworking Carballo sae á rúa para...

O Coworking Carballo sae á rúa para poñer a disposición de emprendedores e empresas as instalacións do Fórum

A novo servizo municipal, incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación da Coruña, deuse a coñecer este domingo na feira

Luns 10 de agosto do 2020

O posto informativo estivo instalado na rúa Coruña

O posto informativo estivo instalado na rúa Coruña

O Coworking Carballo saíu á rúa aproveitando a feira do domingo coa finalidade de dar a coñecer os servizos que presta, o tipo de usos previstos nas instalacións do Fórum e o perfil de usuario ao que vai dirixido. O persoal do Coworking ofreceu todo tipo de información, así coma material divulgativo, ás persoas que se achegaron ata o posto que estivo instalado durante a mañá na rúa Coruña, entre elas novos/as autónomos/as e empresarios/as que teñen en mente a posta en marcha de novos proxectos emprendedores.

O Coworking Carballo é un espazo de traballo compartido que facilitará a 18 novos/as emprendedores/as ou empresas de menos de dous anos de antigüidade a posibilidade de dispoñer non só dun local, senón tamén dunha serie de servizos e infraestruturas que contribuirán a mellorar as súas posibilidades de éxito.

A sede deste novo servizo, impulsado dende a Concellaría de Promoción Económica e incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo da Deputación Provincial da Coruña, está aberta no 2º andar da nave 1 do Fórum Carballo, onde o persoal do Coworking estará encantado de asesorarte. Tes máis información aquí.

Compartir: