Inicio Carballo ao día Novas Máis de 1.000 familias carballesas...

Máis de 1.000 familias carballesas contribúen á redución da pegada ecolóxica a través das iniciativas de compostaxe

O programa “Ti tes a chave” continúa sumando altas tamén entre os grandes produtores, que xa superan o centenar

Xoves 6 de agosto do 2020

Posto do programa

Posto do programa "Ti tes a chave", hoxe, na rúa Coruña

A sociedade carballesa segue a dar pasos para que a contribución do noso concello á redución da pegada ecolóxica sexa cada vez máis importante, como demostra a alta participación nos programas de compostaxe. Nestes momentos temos máis de 1.000 familias e máis de 100 establecementos adheridos, pero queremos que sexan aínda máis, e por iso continuamos con accións a pé de rúa como a instalación do posto informativo sobre a campaña “Ti tes a chave”, ao que podedes achegarvos todos os xoves e os domingos de feira na rúa Coruña.

A experiencia da compostaxe no noso concello realízase de dúas formas. Na zona rural está a funcionar o programa de compostaxe doméstica en 368 vivendas, nas que instalamos un colector que permite almacenar os residuos orgánicos e reutilizalos directamente, en forma de compost, nas hortas caseiras. O prazo de inscrición está permanentemente aberto, e as peticións vanse atendendo en función da demanda.

Na zona urbana, por motivos evidentes, cambiamos o sistema, e as máis de 750 familias e os 103 grandes produtores que xa están adheridos á campaña "Ti tes a chave", poden depositar os residuos nos colectores marróns instalados nas rúas, para o cal facilítaselles unha chave. A materia orgánica, neste caso, é trasladada á planta de compostaxe de Sogama.

Chave e colector marrón que se entregan aos participantes

Chave e colector marrón que se entregan aos participantes

Ademais de contribuír á redución das emisións de CO2 e á fabricación dun fertilizante natural e de calidade, a túa participación nos programas de compostaxe axuda a reducir os custos do servizo municipal de recollida de lixo, xa que o canon que o Concello de Carballo paga a Sogama por tratar esta fracción dos residuos é máis barato que o da bolsa negra.

Por todos estes motivos convidámoste a participar tamén na experiencia. Achégate de luns a venres, de 10:00 a 14:00 horas, ao local de Carballo Limpo (galerías da rúa Desiderio Varela, 34) ou pasa os xoves e os domingos de feira polo stand da rúa Coruña. Recibirás un kit que consta de un caldeiro de 10 litros de capacidade, tres atados de bolsas compostables personalizadas, un tríptico informativo e, por suposto, a túa chave.

Compartir: