Inicio Carballo ao día Novas A feira da Milagrosa esténdese cara o San...

A feira da Milagrosa esténdese cara o San Martiño para facilitar a súa celebración coas medidas de distanciamento precisas

Carballo recupera este domingo a venda ambulante na contorna do Campo da Feira

Mércores 24 de xuño do 2020

Este domingo volven as feiras ao barrio da Milagrosa, recuperando deste xeito un mercado tradicional e favorecendo o regreso á actividade dos vendedores ambulantes. Pero distribuír 150 postos coas medidas de distanciamento precisas non é doado, e por iso optamos por estender a feira cara o San Martiño, propiciando unha zona de paseo que xa é utilizada de maneira habitual nos desprazamentos entre os mercados do Campo da Feira e da Praza do Concello. No plano axunto podedes ver cal será a distribución dos postos. 

Dende a Concellaría de Feiras e Mercados agradecemos a colaboración dos vendedores ambulantes e da veciñanza das rúas que pasarán a formar parte a partir deste domingo, e mentres a situación sanitaria así o aconselle, do espazo da feira.

Na Praza do Concello tamén se manterá a distribución das últimas semanas, dende que se recuperaron os mercados dos xoves e as feiras dominicais de produtos de alimentación, horta e flores. 

En calquera caso, tanto nunha feira coma na outra, será preciso que vendedores e compradores respecten as medidas de seguridade e hixiene, utilizando mascarillas, realizando unha hixiene axeitada de mans, evitando tocar os produtos e respectando as distancias. 

Lembramos, así mesmo, que mañá xoves, malia ser festivo local, celebrarase o mercado na Praza do Concello e o Mercado Municipal estará aberto de 08:30 a 14:00 horas. O venres funcionará no horario habitual de mañá e tarde, e tanto o sábado coma o domingo de feira estará aberto pola mañá.

Compartir: