Inicio Carballo ao día Novas Carballo sitúase entre as 10 cidades...

Carballo sitúase entre as 10 cidades europeas de menos de 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais

O noso concello acadou o 8º posto entre as 18 cidades seleccionadas como candidatas ao premio Folla Verde Europea

Venres 12 de xuño do 2020

Listado de cidades seleccionadas

Listado de cidades seleccionadas

Carballo está no Top 10 das cidades europeas de 20.000 a 100.000 habitantes con mellores prácticas ambientais, un maior compromiso co crecemento verde e unha maior promoción da concienciación cidadá en temas medioambientais. Así o recoñece o 8º posto que vén de outorgarnos o equipo de 12 expertos europeos encargados de analizar e avaliar as memorias das 18 cidades de todo o continente seleccionadas como candidatas ao premio Folla Verde Europea (European Green Leaf 2021). O noso concello acadou moi boas valoracións nalgunhas das seis áreas temáticas, aínda que destaca o 4º posto na de Residuos e Economía Circular.

Na área de cambio climático e eficiencia enerxética, os expertos avaliaron moi positivamente o feito de que Carballo fose o primeiro concello galego en implantar a tecnoloxía led en todo o alumeado público, acadando un 80% de aforro en consumo enerxético; así como os proxectos Carballo presentados ao IDAE  “Carballo sostible: enerxías renovables e eficiencia enerxética dos edificios públicos” e “Cicl-Ando Carballo”, que vén de conseguir o máximo financiamento europeo. A adhesión ao Pacto dos Alcaldes e a redacción do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES) mereceron unha mención especial.

En canto a mobilidade urbana sostible, as accións mellor valoradas están relacionadas co fomento da mobilidade peonil (louvan o metrominuto), a redución da velocidade urbana a 30Km/hora e as iniciativas para facilitar o aparcamento mediante a zona azul e os convenios con particulares para crear grandes bolsas no centro urbano. Así mesmo, a elaboración da Estratexia para a mellora do espazo público e a mobilidade urbana recibiu moi boa valoración.

As políticas de protección, xestión e sensibilización cidadá cara o medio ambiente promovidas polo Concello de Carballo son destacadas polos expertos na área de natureza, biodiversidade e uso sostible do territorio, no que, ademais de sinalar que estamos “bendecidos por un hábitat costeiro significativo”, poñen en valor tamén a protección de especies como a píllara das dunas.

As cidades finalistas son son Elsinore (Dinamarca), Gabrovo (Bulgaria), Lappeenranta (Finlandia), Nyborg (Dinamarca) e Ringkøbing-Skjern (Dinamarca). Parabéns a todas.

No apartado de calidade do aire e ruído, os aspectos mellor valorados son as ordenanzas de ruídos e de tráfico. E polo que respecta á auga, os expertos destacan o proxecto Anllóns-Bardoso e a extensión das redes de abastecemento e saneamento a todo o territorio, así como as campañas informativas e de concienciación social.

A área mellor valorada é a de residuos e economía circular, especialmente pola recollida selectiva nas diferentes fraccións, o plan de compostaxe doméstica e as accións de sensibilización cidadá encamiñadas a conseguir unhas rúas libres de cabichas e outros residuos. Así mesmo, os expertos poñen Carballo Limpo como exemplo de integración social, laboral e respecto medioambiental, e que ten moi boas valoracións para ser incluído no Manual de Boas Prácticas da Unión Europea.

As cidades finalistas son son Elsinore (Dinamarca), Gabrovo (Bulgaria), Lappeenranta (Finlandia), Nyborg (Dinamarca) e Ringkøbing-Skjern (Dinamarca). Parabéns a todas elas.

Compartir: