Inicio Carballo ao día Novas En marcha proxectos de reurbanización de...

En marcha proxectos de reurbanización de rúas e mellora da accesibilidade en varios barrios urbanos

Esta semana arrincaron as obras de reforma integral da rúa Bos Aires

Mércores 27 de maio do 2020

Inicio dos traballos na rúa Bos Aires

Inicio dos traballos na rúa Bos Aires

Nos últimos días arrincaron as obras de reforma integral da rúa Bos Aires, as de eliminación de barreiras arquitectónicas na Vázquez de Parga e na zona da Milagrosa e as de mellora da seguridade en 43 pasos de peóns, o que nos permite seguir estendendo a distintos barrios urbanos o proceso de mellora dos servizos urbanísticos, da mobilidade e da calidade urbana que están a marcar a transformación de Carballo nos últimos anos.

Na reurbanización da rúa Bos Aires, que executa a empresa local Vázquez y Reino, investiremos 280.775,27 euros. O obxectivo da actuación, que ten un prazo de execución de catro meses, é a mellora integral dunha rúa que na actualidade conta con servizos urbanísticos obsoletos, con canalizacións de fibrocemento e redes aéreas de electricidade e telefonía, ademais de beirarrúas de cemento moi estreitas. O proxecto da arquitecta carballesa María Vázquez Esmorís prevé a substitución das redes de abastecemento de auga e saneamento, a instalación de rede de augas pluviais e o soterramento dos servizos de electricidade e telefonía, aos que se sumarán os de cable e gas.

En canto ao tratamento en superficie, a rúa Bos Aires está proxectada en plataforma única, cun único carril de circulación en formigón e beirarrúas de baldosa granítica. A actuación complementarase coa plantación de árbores, a colocación de mobiliario urbano e, como elemento diferenciador, a incorporación de xogos infantís que formarán parte da propia rúa.

O treito da Luis Calvo entre a rotonda e a rúa Barcelona está xa listo

O treito da Luis Calvo entre a rotonda e a rúa Barcelona está xa listo

Pero mentres unhas actuacións arrincan, outras chegan á súa fin. É o caso da da rúa Campo da Feira, que completa a reurbanización de toda a contorna do Fórum Carballo, ou do eixo Barcelona-Luis Calvo, no que quedan só algúns flocos pendentes. A maiores das obras costeadas polo Concello de Carballo, tamén está a piques de rematar a segunda fase da reurbanización da travesía de Sísamo, que financia a Deputación da Coruña.

A próxima actuación urbana será a reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia, un proxecto que está agora mesmo en fase de licitación. O prazo para que as empresas presenten as súas ofertas rematará o 2 de xuño.

Compartir: