Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo establece...

O Concello de Carballo establece direccións recomendadas no Paseo do Anllóns para facilitar o distanciamento social

Atoparás carteis informativos ao longo das marxes do río

Martes 12 de maio do 2020

Un dos sinais de recomendación de dirección colocados no Paseo do Anllóns

Un dos sinais de recomendación de dirección colocados no Paseo do Anllóns

Os paseos diarios estanse a converter durante o estado de alarma nunha práctica xeralizada. Xunto ás prazas e ás rúas de plataforma única, que facilitan o tránsito peonil, o lugar favorito dos carballeses e as carballesas para camiñar é o Paseo do Anllóns.

Debido ás limitacións de horario, xa que a vila de Carballo supera os 5.000 habitantes e, polo tanto, seguen vixentes as franxas para pasear e facer deporte (de 06:00 a 10:00 e de 20:00 a 23:00 horas), en determinados momentos prodúcese unha afluencia moi elevada que dificulta o mantemento das medidas de distanciamento social. Coa intención de facilitalas, a Concellaría de Mobilidade vén de establecer direccións recomendadas, convidando aos paseantes, nos treitos nos que é posible, a utilizar unha marxe nun sentido e a outra no contrario.

Mañá mércores comezará a colocación de carteis informativos ao longo das marxes do río, por unha banda, para indicar as direccións recomendadas e, por outra, para lembrar unha serie de normas básicas que faciliten a convivencia entre todo tipo de usuarios e usuarias.

Así, por exemplo, indícase que as persoas que circulen en bicicleta deben adaptar a velocidade a paso de peón nas zonas compartidas, ou que os cans deben pasear obrigatoriamente con correa. Así mesmo, destácase a necesidade de manter as distancias de seguridade para evitar a propagación do coronavirus, que deben ser dun mínimo de 2 metros entre camiñantes pero, por exemplo, que no caso dos ciclistas amplíase a 10 metros.

Compartir: