Inicio Carballo ao día Novas As feiras e mercados tradicionais regresan esta...

As feiras e mercados tradicionais regresan esta semana á Praza do Concello con normas adaptadas á situación de crise sanitaria

A partir de hoxe volverán a abrirse cos seus horarios habituais o Cemiterio Municipal e o Punto Limpo do polígono de Bértoa

Luns 4 de maio do 2020

Distribución dos postos

Distribución dos postos

Dentro das accións permitidas na Fase 0 do Plan de transición cara unha nova normalidade, a comisión municipal de seguimento da evolución do COVID-19 acordou na súa xuntanza de hoxe autorizar as feiras e mercados tradicionais que se celebran os xoves e os segundos, cuartos e quintos domingos de mes na Praza do Concello, pero unicamente para a venda de produtos da horta, alimentación e flores. O levantamento da suspensión non afecta, polo tanto, ao Campo da Feira da Milagrosa, no que permanecerá vixente a prohibición de instalación de postos ambulantes.

A celebración das feiras e mercados realizarase con novas normas, adaptadas á situación de crise sanitaria que estamos a vivir. Deste xeito, por parte da Oficina Técnica Municipal estableceranse corredores e unha nova distribución dos postos que garantan o cumprimento das distancias de seguridade. Neste sentido prégase a colaboración de todas e todos para que se tomen as medidas precisas para poder evitar contaxios.

O Mercado Municipal continuará aberto ao público co horario establecido dende o inicio do estado de alarma, de 08:00 a 15:00, e tamén coas condicións de hixiene e seguridade que se veñen aplicando dende o primeiro momento. Así mesmo, lembramos que durante o tempo que se manteña o estado de alarma seguirá suspendida a limitación do aparcamento na zona azul.

O cemiterio estará aberto a partir de hoxe

O cemiterio estará aberto a partir de hoxe

Ademais das medidas relativas ás feiras e mercados, a comisión de seguimento tomou tamén a decisión de reabrir dous servizos municipais nos seus horarios habituais: o Cemiterio Municipal e o Punto Limpo do polígono de Bértoa, no que xa poderán depositarse os residuos voluminosos. Polo momento, o punto limpo móbil non retomará a súa actividade. En todos os casos prégase extremar as medidas de hixiene e respectar a separación mínima de 1 metro.

Esta semana tamén comezarán os labores de limpeza de marxes ao longo de toda a canle do Anllóns coa finalidade de facilitar os paseos, xa que as beiras do río estanse a converter nun dos lugares máis frecuentados. Nese sentido, e coa finalidade de facilitar o desenvolvemento dos traballos, apelamos á colaboración e á responsabilidade das persoas usuarias do paseo.

Compartir: