Inicio Carballo ao día Novas Capturadas 2.868 raíñas no primeiro...

O SERVIZO CONTINÚA OPERATIVO

Capturadas 2.868 raíñas no primeiro mes da campaña de trampeo contra a avespa velutina

O Servizo Municipal de Control de Pragas conta con 62 colaboradores/as repartidos polas 18 parroquias

Venres 3 de abril do 2020

As restricións derivadas do estado de alarma non afectan ao Servizo Municipal de Control de Pragas, que non só está operativo senón que cada vez debe dedicar máis recursos a combater a invasión de avespa asiática. No primeiro mes da campaña anual de trampeo foron capturadas 2.868 raíñas, case o dobre máis que o ano pasado, o que dá unha mostra da magnitude do problema. 

A campaña, que se prolongará ata finais de maio, comezou este ano con 62 colaboradores/as, na súa maioría apicultores/as, repartidos/as polas 18 parroquias, nas que temos colocadas 572 trampas. En todas as parroquias se produciron capturas de raíñas, aínda que nunhas máis ca noutras. Rus, con 872, repite récord neste primeiro mes da campaña.

Estamos nun momento clave para a loita contra a praga de velutina, xa que cantas máis raíñas consigamos capturar agora menos niños aparecerán máis adiante, polo que dende o Servizo Municipal de Control de Pragas continuamos coa revisión periódica das trampas. Ademais, seguimos a disposición da veciñanza para a retirada de niños. Os avisos poden realizarse a través dos teléfonos 112 o 012 ou a través da APP do Concello de Carballo que podes instalar no teu teléfono móbil.

Compartir: