Inicio Carballo ao día Novas O Conservatorio Profesional de Música de...

O Conservatorio Profesional de Música de Carballo programa actividades para manter a actividade lectiva de xeito telemático

Seguindo as directrices da Consellería de Educación, as tarefas non presenciais non serán avaliables de cara ás cualificacións finais

Mércores 25 de marzo do 2020 Educación Conservatorio

O equipo directivo do Conservatorio Profesional de Música de Carballo, a raíz da prolongación do estado de alarma, decidiu programar unha serie de actividades para intentar manter a actividade lectiva polo menos de xeito telemático. Así, naquelas materias nas que sexa posible, o profesorado estará en contacto cos alumnos e alumnas a través do correo electrónico ou do Whatsapp para enviarlles unidades didácticas e/ou tarefas que lles permitan continuar coa súa formación.

Dende a directiva explican que, segundo as directrices da Consellería de Educación, as tarefas que se realicen de maneira non presencial non serán avaliables de cara ás cualificacións finais e todos os novos contidos que se impartan telematicamente terán que ser impartidos de novo cando se retomen as clases con normalidade. Ademais, os obxectivos curriculares serán revisados para adaptalos a esta situación excepcional na que nos atopamos.

O claustro de profesores/as do CMUS envía os seus ánimos a todo o alumnado e ás súas familias, xunto co desexo de poder recuperar a actividade normal o antes posible.

Compartir: