Inicio Carballo ao día Novas Constituído o Consello Escolar Municipal...

Constituído o Consello Escolar Municipal tras a renovación dos representantes da comunidade educativa

O próximo curso incorporaranse aos colexios 260 nenos e nenas de 4º de Infantil, polo que non se prevén problemas de escolarización

Mércores 11 de marzo do 2020

Na xuntanza falouse, entre outros temas, de melloras no CEIP Nétoma-Razo

Na xuntanza falouse, entre outros temas, de melloras no CEIP Nétoma-Razo

Este xoves quedou constituído o Consello Escolar Municipal nunha xuntanza celebrada no CEIP Xesús San Luís Romero e que contou coa participación de Evencio Ferrero, como presidente; a concelleira Mar Eirís, vicepresidenta; Susana Mariño, secretaria;  María José Bértoa Aldao (ANPE), Ángeles Pacoret Rodríguez (CIG), Teresa Rodríguez Rama (CIG) e Margarita Garrido Mille (CCOO), en representación do profesorado; Laura Gómez Pensado, Vítor Recarei Añón, Eva Antelo Lavandeira, José Bustelo Tarrío e Lourdes Rey Fau, nais e pais de alumnado; Rubén Lorenzo, polo grupo maioritario da oposición; Ana Isabel Viña Vilanova, do CEIP Bergantiños, como representante das direccións dos centros de ensino; Alfonso Varela Vidal, da CIG, polos sindicatos maioritarios; Dina Río Abelenda, da AS-PG, polos movementos de renovación pedagóxica; Irene Mabel Busco, da Asociación As Landras, polo tecido asociativo, e Manuel Trigás Verdini, inspector da Consellería de Educación. Non puideron asistir Xosefa Bastón Osinde, da CIG; Elvira Vázquez Arceo, nai; David Barrán Ferreiro, de CCOO, e Xosé María Arán, da Asociación Vieiro.

Nesta primeira xuntanza realizouse unha valoración do curso 2019-2020, marcado nestes momentos pola incidencia do coronavirus. Nese sentido, o alcalde apuntou que, dada a magnitude do problema, de producirse novas circunstancias que o motiven volvería a convocarse o Consello Escolar Municipal.

Con respecto á escolarización para o curso 2020-2021, en principio non se prevén problemas, dado que as prazas existentes son máis que suficientes para dar cabida aos 260 nenos e nenas que se incorporarán ás aulas de 4º de Infantil. O inspector de Educación na zona de Carballo aclarou, en relación á pregunta formulada por un representante das familias, que nos niveis superiores tamén se prevé que a situación sexa normal dado que a habilitación de novas unidades faise de forma correlativa para os seguintes cursos. Neste curso están escolarizadas no noso concello un total de 5.405 persoas, sen contar o alumnado do Conservatorio Profesional de Música nin da Escola Oficial de Idiomas.

No apartado de rogos e preguntas falouse sobre as obras do CEIP Fogar, para as que non existe aínda data de remate; a mellora dos accesos ao IES Monte Neme, unha serie de melloras pendentes no CEIP Nétoma-Razo e os horarios do transporte escolar.

Compartir: