Inicio Carballo ao día Novas A bicicleta converterase nun elemento de...

ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA O PRIMEIRO, QUE SERÁ ESTE SÁBADO

A bicicleta converterase nun elemento de igualdade a través dunha serie de obradoiros para mulleres

Mañá será o último día para anotarse no I Maratón fotográfico “Enfócate cara a igualdade”, no que repartiremos máis de 800 euros en premios

Mércores 11 de marzo do 2020

Aínda que o uso da bicicleta está a aumentar, e dun xeito especial entre as mulleres, a brecha de xénero persiste, xa que, segundo o “Barómetro da Bicicleta”, a maioría das persoas que non saben andar nela son mulleres. Normalizar o seu uso, máis cando durante moito tempo a bicicleta foi un elemento liberador para as mulleres, é o obxectivo da próxima proposta da Concellaría de Igualdade dentro do programa conmemorativo do Día da Muller.

O prazo de inscrición está aberto no teléfono 981 700 688 ou no correo electrónico carballoennegro@gmail.com

Ademais do Ministerio de Igualdade e do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, a área de Maica Ures conta coa colaboración da Concellaría de Mobilidade e do Club Ciclista Carballo para o desenvolvemento desta actividade, que se desenvolverá este sábado 14. O prazo de inscrición está aberto no teléfono 981 700 688 ou no correo electrónico carballoennegro@gmail.com.

“Pedaleando pola igualdade” consta dunha serie de obradoiros teórico-prácticos adaptados ao nivel das participantes, dende o máis básico para aquelas que nunca montaron en bicicleta ata o de perfeccionamento para as que saben andar pero non teñen a seguridade precisa para enfrontarse á circulación entre os vehículos a motor. Por iso, neste primeiro obradoiro realizaranse unha serie de exercicios que irán incrementando a súa dificultade en función do nivel das ciclistas.

A xornada desenvolverase no aparcamento do Pazo da Cultura de 11.00 a 13.00 horas, cun descanso. Comezaremos cunha pequena charla sobre o funcionamento básico da bicicleta, o equipamento, a revisión dos elementos de seguridade e a normativa de circulación. Tras esta primeira parte, as participantes xa tomarán contacto cos seus vehículos para realizar os diferentes exercicios. Se non tés bicicleta non te preocupes, porque teremos as que fagan falta para que ningunha muller deixe de participar por non tela.

Maratón fotográfico

A programación do Día da Muller para esta fin de semana pretende que nos movamos pola igualdade tamén no sentido literal. Ademais de andar en bicicleta, a Concellaría de Igualdade proponnos un maratón fotográfico que se celebrará o domingo e que vai destinado á poboación de calquera idade e sen distinción de xénero. Hai tres categorías: infantil, ata os 13 anos; xuvenil, de 14 a 20, e sénior, a partir dos 20. E tamén hai catro premios, un por categoría e un cuarto especial para un veciño/a de Carballo. O premio para adultos consistirá en 500 euros en metálico e os demais, en vales de 100 ou 150 euros para gastar no comercio local.

Para participar no I Maratón fotográfico “Enfócate cara a igualdade” só tes que descargar as bases e a folla de inscrición que atoparás máis abaixo e presentala no Centro de Información á Muller (CIM) ou a través do enderezo electrónico carballoennegro@gmail.com. Se tes algunha dúbida podes chamar ao 981 700 688. Bule, porque o prazo rematará mañá xoves!

Descargas

Compartir: