Inicio Carballo ao día Novas Carballo organizará o próximo...

Carballo organizará o próximo Congreso Cidades que Camiñan tras recibir o respaldo maioritario dos socios da rede en Cádiz

A concelleira de Planificación e o concelleiro de Mobilidade estreitaron relacións con cidades de toda a península que tamén apostan pola mobilidade peonil

Venres 6 de marzo do 2020

Participantes na asemblea

Participantes na asemblea

Carballo recolle o testemuño de Cádiz e asume con orgullo, ganas e ilusión o compromiso de organizar o próximo Congreso da Rede de Cidades que Camiñan. O noso concello recibiu o apoio maioritario da asemblea de socios celebrada na cidade andaluza, na que se fixo unha valoración moi positiva do traballo que vimos desenvolvendo a prol dunha mobilidade máis sostible. Despois de outorgarnos o Premio Cidades que Camiñan 2018 na categoría de cidades de 20.000 a 100.000 habitantes, a Rede de Cidades que Camiñan volve a manifestar deste xeito a súa confianza no proxecto de mobilidade de Carballo encomendándonos a organización do congreso do ano que vén.

Alfredo Garrote, Milagros Lantes e Juan Seoane, en Cádiz

Alfredo Garrote, Milagros Lantes e Juan Seoane, en Cádiz

Deste xeito, despois de tres xornadas de traballo que lles permitiron estreitar relacións con municipios de toda a península, a concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, que estiveron acompañados polo arquitecto municipal, Alfredo Garrote, regresan hoxe a Carballo cunha importante tarefa que acometer: a organización da 8ª edición dun congreso que ten cada vez máis peso e que xa é unha referencia nas políticas de mobilidade non só no territorio español, senón cada vez máis a nivel internacional.

Estes encontros anuais, como o que vén de celebrarse en Cádiz nestes tres últimos días, permiten reforzar proxectos comúns, como o Metrominuto, as cidades 30 ou os camiños escolares; así como tecer redes de colaboración e establecer novos contactos entre as 46 cidades asociadas, entre elas as galegas Pontevedra, que foi pioneira; Ferrol e O Carballiño, ademais de Carballo.

Compartir: