Inicio Carballo ao día Novas A implantación da 5ª fracción,...

A implantación da 5ª fracción, a ampliación da zona azul e o estudo de detalle da fachada costeira de Razo, a debate no pleno

Os catro grupos que integran a corporación municipal presentaron mocións para a sesión extraordinaria do vindeiro luns 2 de marzo

Venres 28 de febreiro do 2020

Juan Seoane, Evencio Ferrero e Milagros Lantes, hoxe

Juan Seoane, Evencio Ferrero e Milagros Lantes, hoxe

A corporación municipal reunirase o 2 de marzo en sesión extraordinaria, tras ser adiado, pola coincidencia co Entroido, o pleno ordinario do último luns de febreiro. Na convocatoria figuran varias propostas para o debate, incluídas mocións dos catro grupos políticos. O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, presentaron hoxe os asuntos que se abordarán na xuntanza.

  • Recoñecemento de obrigas pendentes de exercicios anteriores. A corporación aprobará o pago de facturas pendentes do ano 2019 por algo máis de 248.000 euros. Máis de 100.000 euros corresponden ao consumo eléctrico, debido a que, por un problema de Gas Natural coa facturación electrónica. Da cantidade restante, a maioría son facturas presentadas tras o peche contable do exercicio, tal como explicou o alcalde.
  • Modificación do contrato de xestión da recollida de lixo. O obxectivo da modificación, indicou Evencio Ferrero, é a implantación da 5ª fracción. O Concello de Carballo está obrigado pola lexislación europea a reducir nun 50% o lixo que depositamos no colector verde antes do ano 2021, un obxectivo que require da colaboración da veciñanza. Nestes momentos hai máis de 400 familias adheridas, pero o obxectivo é acadar as 2.000. Deste xeito, e dado que o custe do envío do lixo a Sogama reduciríase en 25 euros por cada tonelada de materia orgánica, sería posible equilibrar os 79.069,51 euros de incremento da concesión.
  • Ampliación do aparcamento regulado coa zona azul. A proposta consiste na creación de 11 prazas na rúa Vila de Negreira e de 7 na rúa Lugo.
  • Estudo de detalle da fachada costeira de Razo. A corporación aprobará de forma definitiva o documento, que, como explicou Milagros Lantes, céntrase en aspectos como a condición estética ou as aliñacións da franxa de litoral.

A corporación municipal debaterá tamén cinco mocións. O PSOE presentou dúas, unha sobre a creación dunha liña de axudas de bono-taxi para persoas con mobilidade reducida e outra sobre parques e xardíns; Terra Galega quere se retransmitan en directo a través de Internet os plenos e as mesas de contratación; o PP propón levar a cabo unha campaña de concienciación cidadá sobre a recollida das dexeccións das mascotas na vía pública, e o BNG presenta unha iniciativa sobre o 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

Así mesmo, no apartado de seguimento de órganos de goberno darase conta do período medio de pago a provedores, que no cuarto trimestre do 2019 foi de 1,82 días de media, e sobre a execución do orzamento, que a finais do ano acadou os 37.659.107,90 euros, moi por riba da previsión inicial, polo que probablemente non poderá cumprirse a regra de gasto.

A convocatoria do pleno pode descargarse máis abaixo.

Descargas

Compartir: