Inicio Carballo ao día Novas Volve a Feira das Oportunidades con 26...

7 E 8 DE MARZO NO REGO DA BALSA

Volve a Feira das Oportunidades con 26 establecementos dos sectores máis variados e cos mellores prezos

Cun volume aproximado de vendas de 400.000 euros brutos e arredor de 25.000 visitas o ano pasado, é un dos eventos máis importantes que organiza o CCA

Xoves 27 de febreiro do 2020

Dende fai xa 12 anos, en Carballo a temporada de rebaixas non remata ata que non se celebra a Feira das Oportunidades. Esta iniciativa do Centro Comercial Aberto é, como apuntou o seu presidente, Ricardo Pallas Osinde, “un dos eventos máis importantes” que organiza o CCA ao longo do ano. E non son poucos. As cifras falan por si soas. Segundo as estimacións da asociación, a feira recibiu o ano pasado arredor de 25.000 visitas e o volume de ventas acadou os 400.000 euros.

Hoxe presentouse a vindeira edición da Feira das Oportunidades, na que colabora o Concello de Carballo a través da Concellaría de Promoción Económica e dos servizos de Protección Civil, Policía Local e Brigada Municipal de Obras, aos que dende o CCA quixeron agradecer o importante apoio que prestan ano tras ano.

A feira celebrarase os días 7 e 8 de marzo. Este ano hai cambios nos horarios, de maneira que o sábado abrirá de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 21.00 horas e o domingo, de 10.00 a 15.00 e de 16.00 a 20.00 horas. Mantense o emprazamento no Rego da Balsa, nunha carpa de case 1.000 metros cadrados na que tamén haberá cambios, xa que, segundo indicou Ricardo Pallas, a raíz das opinións dos participantes recollidas nas enquisas realizadas o ano pasado, recupérase a tarima e mellóranse os probadores, “que eran as principais demandas”.

Nesta ocasión participan 26 establecementos dos sectores máis variados: A Fragua de Mo, A Fragua Kids, Adamela, Alonso Moda, Atelier, Atmósfera Sport, Automóviles Vilas Rama, Benetton, Calzados Susa, Deportes San Remo, DV Carballo, Ekate, Federópticos Nicolás, JGCar, Mímate, Miriñaque, Mmmm! Xeados, Moda Suárez, Necos, O Barco dos Soños, O Rastrillo, Poppy, Regalos y Regalitos.com, Style, Zapatillería Isabel e Zocas. Téxtil, calzado, deporte, automoción, complementos, óptica, decoración... aos mellores prezos.

Mari Carmen Freire, Ricardo Pallas, Evencio Ferrero e Xosé Regueira

Mari Carmen Freire, Ricardo Pallas, Evencio Ferrero e Xosé Regueira

Son, como apuntou Ricardo Pallas, “oportunidades únicas”, e ademais, “coa calidade e a seriedade do comercio local”, engadiu Mari Carmen Freire, xerente do CCA.

O concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, destacou a elevada e variada participación, e cualificou a Feira das Oportunidades como “unha boa oportunidade para seguir reivindicando a compra local”. De feito, segundo os datos que manexa o sector, a feira repercute moi positivamente en todo o comercio de Carballo e tamén na hostalaría.

O alcalde, pola súa banda, animou “á xente a que veña a Carballo e a que merque en Carballo”. Evencio Ferrero cualificou a Feira das Oportunidades como “un evento de referencia” e destacou a importancia do comercio como elemento “aglutinador e dinamizador da economía local”.

Compartir: