Inicio Carballo ao día Novas Entra en servizo a nova parada de autobús...

Entra en servizo a nova parada de autobús habilitada polo Concello na zona do centro médico

A Xunta autorizouna a raíz das alegacións presentadas pola Concellaría de Mobilidade á primeira fase do plan de explotación do transporte público

Venres 21 de febreiro do 2020

Nova parada na avenida do Ambulatorio

Nova parada na avenida do Ambulatorio

Nestes momentos está en fase de desenvolvemento o plan de explotación do transporte público elaborado pola Xunta de Galicia para renovar as concesións dun total de 1.286 rutas en toda a comunidade autónoma. O Concello de Carballo fixo chegar á Administración autonómica as súas achegas sobre frecuencias, rutas e paradas, e grazas a que algunhas desas alegacións foron aceptadas mantivéronse as paradas urbanas da estación de autobuses, as rúas Vázquez de Parga e Perú e A Milagrosa, e ademais conseguimos incrementalas cun novo punto de recollida e chegada de pasaxeiros/as na zona do centro médico. Tras recibir a autorización da Xunta, a Concellaría de Mobilidade colocou o sinal correspondente e hoxe rematou a sinalización horizontal desta nova parada, como podedes ver na foto.

Ademais do aumento das paradas dentro da zona urbana, a Concellaría de Mobilidade tamén solicitou o incremento das expedicións a Santiago de Compostela e a modificación da liña a Caión tanto no trazado coma no incremento dunha viaxe de volta. As propostas foron atendidas parcialmente. No caso de Caión incluíuse unha expedición de volta ás 19.30, ademais da adaptación parcial do trazado proposto. Menos sorte houbo con respecto á creación dunha liña entre Carballo e Pedra do Sal, que foi desestimada.

Nestes momentos están pendentes de adxudicación as concesións que comunican o noso concello con Santiago, A Coruña, Razo e parte da Costa da Morte.

Os cambios no transporte público de viaxeiros afectan a multitude de aspectos, mesmo á forma de utilizar o autobús, como se puxo de manifesto a raíz da entrada en vigor das novas concesións nos traxectos que comunican o noso concello con Cerceda, Coristanco, Rial e A Laracha. Agora mesmo hai máis liñas, pero en tres modalidades diferentes:

  • Transporte regular de viaxeiros, co funcionamento habitual ata agora.
  • Transporte escolar. Nalgunhas rutas e liñas cabe a posibilidade de que a veciñanza utilice as liñas do transporte escolar.
  • Transporte a demanda. Neste caso, para que o autobús se achegue á parada que nos interese é preciso chamar o día anterior ao teléfono 988 68 78 00 (de 08:00 a 19:00 horas, de luns a venres laborais).

No documento axunto podedes consultar todas as rutas e o tipo de transporte establecido pola Xunta para cada unha delas. Tamén facilitamos o enlace á páxina web da UTE Galicia, concesionaria das novas liñas.

Ligazóns

Descargas

Compartir: