Inicio Carballo ao día Novas “Eu quero a Carballo” reforza a súa...

POR CADA BEBÉ QUE NAZA ESTE ANO PLANTAREMOS UN FILLIÑO DO CARBALLO DE VILAR DE FRANCOS

“Eu quero a Carballo” reforza a súa presenza na vida cotiá con accións dirixidas a diferentes sectores da veciñanza

Aproveitando a simbólica data do 14 de febreiro, Día dos Namorados, poñemos en marcha distintas accións para trasladar unha imaxe en positivo do noso concello

Xoves 13 de febreiro do 2020

Luis Lamas, Marilá Gómez, Evencio Ferrero, Juan Seoane e Marcos Trigo, cos paraugas para os camiños escolares

Luis Lamas, Marilá Gómez, Evencio Ferrero, Juan Seoane e Marcos Trigo, cos paraugas para os camiños escolares

Cando cheguen mañá ás súas aulas, os alumnos e alumnas de Infantil, Primaria e ESO atoparán sobre as mesas un lapis ou un bolígrafo cos que poderán escribir “os seus mellores desexos para o futuro de Carballo”. A frase pronunciouna Marcos Trigo, concelleiro de Cultura e Deporte, na presentación das primeiras iniciativas que se levarán a cabo este ano co lema “Eu quero a Carballo”.

Por segundo ano consecutivo, aproveitamos a simbólica data do 14 de febreiro para lanzar un convite a toda a cidadanía para que ame ao seu pobo e o demostre a través de prácticas cotiás que poden contribuír a mellorar Carballo e a imaxe que trasladamos do noso concello, tanto dentro coma fóra.

Entre esas primeiras propostas, dirixidas, como dixo o alcalde, Evencio Ferrero, a fomentar o “orgullo de pertencer a este concello”, hai varias dirixidas á infancia. Ademais dos lapis e os bolígrafos que se repartirán mañá nas aulas, hoxe o concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, iniciou tamén a distribución de paraugas entre o alumnado dos camiños escolares e as mamás, papás e acompañantes nas rutas. Se as previsións de Meteogalicia son certeiras e mañá chove, ver aos nenos e nenas cos seus paraugas de cor verde co logotipo do corazón vermello pode ser todo un espectáculo.

“Eu quero a Carballo” é tamén unha iniciativa moi vinculada á estratexia Carballo 2030, símbolo dun modelo urbano máis sustentable e que servirá como locomotora de crecemento e desenvolvemento para o conxunto do territorio. Se o ano pasado repartimos dispensadores de bolsas para recoller as defecacións dos cans, que, por certo, esgotáronse en poucas horas, este ano realizaremos un reparto masivo de funís para facilitar a recollida de aceites vexetais usados. Será a partir da vindeira semana, como explicou o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.

Ademais, despois do éxito acadado o ano pasado, volvemos a poñer a disposición de comercios e locais de hostalaría adhesivos con forma de corazón para que tamén nos escaparates de todas as rúas se vexa o amor dos nosos sectores económicos por Carballo. Os interesados só teñen que achegarse polas oficinas xerais da Casa do Concello.

Ademais de Evencio Ferrero, Marcos Trigo, Luis Lamas e Juan Seoane, na presentación das novas propostas de “Eu quero a Carballo” tamén estivo presente a artesá carballesa Marilá Gómez. O seu papel foi a elaboración de macetas artesanais de Olería de Buño que, como explicou, teñen como principal característica que están feitas con barro branco e a man, no torno. Porque, como tiñamos comprometido, imos plantar unha árbore por cada neno ou nena que naza ao longo deste ano. Pero non será unha árbore calquera, senón “un fillo do Carballo de Vilar de Francos, que deste xeito seguirá vivindo a través dos seus descendentes”, apuntou o alcalde.

Ás familias que se están achegando á Casa do Concello para empadroar aos nenos e nenas facilítaselles unha folla informativa na que especifican o seu desexo de participar na iniciativa e como facelo: ou ben plantando o carballo pola súa conta ou ben nunha plantación colectiva que se levará a cabo no ano 2021 coincidindo co Día da Árbore, e na que cada exemplar do carballo levará o nome dun neno ou nena. A proposta está recibindo moi boa acollida por parte dos papás e as mamás. Ademais conta coa colaboración do centro especial de emprego Dixardín, tanto para a recollida e coidado das árbores, que xa son 210, como para o financiamento das macetas. “Encantoume facelas _dixo Marilá_, porque é unha idea de optimismo para Carballo”.

Compartir: