Inicio Carballo ao día Novas A empresa concesionaria do servizo de...

A empresa concesionaria do servizo de xardíns decide custear a reposición da carriola adaptada do Parque Rego da Balsa

O xogo foi roubado hai algo menos dun mes e o Concello de Carballo xa tiña encargado outro para substituílo

Xoves 21 de novembro do 2019

O columpio adaptado que aparece na imaxe de arquivo foi roubado o mes pasado

O columpio adaptado que aparece na imaxe de arquivo foi roubado o mes pasado

Nos vindeiros días agárdase a chegada da nova carriola adaptada que substituirá á que foi roubada fai algo menos dun mes no Parque Rego da Balsa. O Concello de Carballo xa a tiña encargada, pero a empresa concesionaria do servizo de mantemento dos xardíns municipais vén de anunciar a súa intención de facerse cargo do custe do xogo.

Dixardín, un centro especial de emprego que ten un 80% de traballadores con algún tipo de discapacidade, quere amosar deste xeito o seu compromiso social. “O obxectivo de Dixardín _explican_ é a plena integración socio-laboral de persoas con discapacidade, ofrecéndolles aos nosos traballadores/as a posibilidade de incorporarse a un mercado laboral normalizado á vez que garantimos os seus dereitos, autonomía persoal e estabilidade económica. Todo isto ten como obxectivo mellorar a súa autoestima e calidade de vida, pois somos conscientes de que a actividade profesional é fundamental na vida de calquera persoa”. Pero, máis alá do ámbito laboral, Dixardín, e que é unha das 11 iniciativas empresariais de economía social impulsadas dende Cogami, pretende deixar en Carballo unha pegada máis fonda que a das zonas verdes que está transformando.

Dixardín comparte do Concello de Carballo a necesidade de adaptar os espazos infantís ás diferentes necesidades dos nenos e nenas e a fomentar o xogo como peza fundamental no seu desenvolvemento. Dentro desa filosofía enmárcanse, por exemplo, a construción da cuberta do Parque do Anllóns, que permite optimizar o uso dese espazo de xogos, ou a instalación, da primeira randeeira adaptada no Parque Rego da Balsa, que agardamos que moi pronto poida volver a gozar dela.

No noso concello existen na actualidade máis de corenta parques infantís, todos eles certificados e sometidos a revisións periódicas para mantelos nas mellores condicións debido ao elevadísimo nivel de uso que teñen.

Compartir: