Inicio Carballo ao día Novas A Brigada de Xardíns iniciou na Praza do...

A Brigada de Xardíns iniciou na Praza do Concello a campaña de poda, que se estenderá a todas as zonas verdes municipais

Os traballos de axardinamento de parques e rotondas están practicamente listos, aínda que condicionados pola choiva

Mércores 13 de novembro do 2019

A poda empezou pola Praza do Concello para facilitar a colocación das luces de Nadal

A poda empezou pola Praza do Concello para facilitar a colocación das luces de Nadal

A Brigada Municipal de Xardíns empezou esta semana a campaña periódica de poda. Os primeiros traballos desenvólvense na Praza do Concello para facilitar a próxima instalación do alumeado de Nadal, pero, como é habitual, nas vindeiras semanas estenderanse a todas as zonas verdes municipais.

Un equipo formado por catro persoas está a traballar para poñer a punto as centos de árbores repartidas por todo o concello. Os obxectivos da campaña de poda son, por unha banda, o saneamento e a mellora da conservación das árbores, e, por outra, o incremento da seguridade. Con este obxectivo está a realizarse unha revisión de cada un dos exemplares para eliminar as ramas secas ou que poidan supoñer un perigo para os/as usuarios/as dos espazos públicos. Polo demais, a poda realizarase de xeito que as árbores manteñan a súa forma natural.

Ao mesmo tempo, o persoal de Coregal, que presta o servizo de mantemento dos xardíns municipais, continúa coa posta a punto e o axardinamento de catro parques e prazas (Rego da Balsa, Galicia, Cruz Vermella e Praza do Concello) e sete rotondas. Os traballos están practicamente listos, aínda que moi condicionados polo tempo. En total serán axardinados 8.430 metros cadrados. A maior superficie corresponde ao parque Rego da Balsa, con algo máis de 3.000 metros cadrados, e a menor, á rotonda da avenida de Razo, con 78,50 metros cadrados.

Compartir: