Inicio Carballo ao día Novas O Servizo Municipal de Control de Pragas leva...

O Servizo Municipal de Control de Pragas leva retirados 200 niños máis de velutina que o ano pasado por estas datas

No mes de outubro foron eliminados 165 no conxunto das parroquias, 37 deles na de Sofán

Martes 12 de novembro do 2019

O Servizo Municipal de Control de Pragas leva retirados a estas alturas do ano case 200 niños máis de avespa velutina que no 2018. Segundo o último balance, neste 2019 xa foron eliminados 668 niños e no mes de outubro batemos un novo récord, con 165 niños. Outubro, de feito, é un dos meses do ano de máis actividade para o equipo de control de pragas. Curiosamente, a peor parte correspondeu á parroquia de Sofán, igual que o ano pasado, pero se no 2018 foron retirados 31 niños, neste 2019 a cifra foi incluso máis alta, ao acadar os 37 niños.

Aínda que se retiraron 165 niños, o Servizo Municipal de Control de Pragas atendeu máis avisos. Ás veces non son niños de velutina, outras resulta imposible chegar ata eles, noutras ocasións xa foran anulados aínda que non se retirasen e hai veces que incluso se reciben chamadas doutros concellos.

Todos os niños que aparecen nesta época do ano son secundarios, de grandes dimensión, e case sempre están situados nas copas das árbores, a gran altura, o que obriga a utilizar grúa para a súa retirada. As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao Servizo Municipal de Control de Pragas, que procederá á súa retirada nun prazo de 24-48 horas.

Compartir: