Inicio Carballo ao día Novas A corporación aprobará no pleno...

A corporación aprobará no pleno ordinario de outubro unha modificación do PXOM para regularizar varios ámbitos urbanos

O concelleiro do PP José Ricardo Vilas Otero presentará a renuncia ao seu cargo

Domingo 27 de outubro do 2019

Milagros Lantes e Evencio Ferrero informaron sobre os asuntos do pleno

Milagros Lantes e Evencio Ferrero informaron sobre os asuntos do pleno

A corporación municipal de Carballo aprobará no pleno ordinario do luns a modificación puntual número 1 do PXOM, que permitirá regularizar varios ámbitos urbanos, tal como explicaron o alcalde, Evencio Ferrero, e a concelleira de Planificación, Milagros Lantes. A proposta inclúe os seguintes cambios:

  • Parcela anexa ao cuartel da Garda Civil. O alcalde explicou que a finca era de propiedade municipal pero que foi permutada no seu momento por outra na Praza de Vigo para a construción do centro de día. Dado que agora é particular, a modificación permitirá modificar a clasificación do solo no Plan Xeral.
  • Aliñación da rúa Vázquez de Parga á altura do cruce coa rúa do Muíño.A proposta consiste en manter a aliñación existente na vivenda da esquina, cuxos propietarios poderán facer labores de conservación, pero “nunca” ampliación ou substitución de elementos estruturais.
  • Subestación eléctrica da estrada de Santiago. No PXOM figura como solo de equipamento público, pero é privado, polo que procede facer esa corrección.
  • Corrixir un erro na planimetría tamén é o obxectivo doutra modificación puntual na rúa Costa Rica.
  • A última proposta é a modificación dunha aliñación na avenida de Bértoa, entre as rúas Andrés Gaos e Escultor Asorey.

Na orde do día figura outro asunto urbanístico, en concreto un estudo de detalle no polígono industrial de Bértoa que afecta a unha parcela situada entre a primeira fase, privada, e a segunda, pública, polo que resulta preciso, en palabras do alcalde, “harmonizar criterios”.

A corporación decidirá tamén sobre a renovación da compatibilidade dun profesor do Conservatorio Profesional de Música, que conta con todos os informes favorables. Ademais aprobarase un recoñecemento de obrigas pendentes de exercicios anteriores por importe de 12.728,72 euros.

Vilas, primeiro pola esquerda, presentará a súa renuncia

Vilas, primeiro pola esquerda, presentará a súa renuncia

No último punto figura a renuncia do concelleiro José Ricardo Vilas Otero, do Partido Popular, que abandona a corporación municipal.

Antes abordaranse estas seis iniciativas presentadas pola oposición:

  • Terra Galega: mocións para a concesión de subvencións para a mellora da accesibilidade en edificios de vivendas e para a concesión sobre os campos de fútbol As Eiroas e O Carral aos clubs FC Bergantiños e SD Sofán.
  • PSOE: mocións relativas á creación dun punto de encontro familiar e á dotación dun nome oficial ao pavillón Vila de Noia.
  • PP:moción sobre o plan de actuación para o coidado e mantemento do mobiliario urbano e declaración institucional de apoio e recoñecemento do labor que realizan as forzas de corpos de seguridade do Estado en Cataluña.

Descargas

Compartir: