Inicio Carballo ao día Novas O inicio do obradoiro de carpintaría e a...

O inicio do obradoiro de carpintaría e a selección de alumnado para cociña marcan a apertura do curso no Fórum Carballo

Hoxe celebrouse a terceira e última proba de acceso á Escola Municipal de Hostalaría, que encara o seu segundo ano académico

Martes 8 de outubro do 2019

Evencio Ferrero asinou os contratos cos alumnos-traballadores

Evencio Ferrero asinou os contratos cos alumnos-traballadores

Volve a actividade aos talleres de formación ocupacional do Fórum Carballo. Hoxe, mentres o alcalde, Evencio Ferrero, asinaba no auditorio os contratos dos 12 alumnos-traballadores do obradoiro de carpintaría, nas instalacións da Escola Municipal de Hostalaría celebrábase a terceira e última proba de acceso ao segundo curso de cociña organizado directamente polo Concello. Serán as primeiras accións formativas en marcha, pero ao longo do curso 2019-2020 haberá máis.

Evencio Ferrero desexou aos alumnos do obradoiro, que se desenvolve en colaboración coa Consellería de Economía, que saquen o maior proveito dos seis meses de formación teórico-práctica que teñen por diante. Unha das características deste tipo de programas, dirixidos a persoas inscritas no Sistema de Garantía Xuvenil, é que combinan a formación cun contrato de aprendizaxe durante seis meses, polo que os/as alumnos/as percibirán un salario durante a súa participación no obradoiro. Ademais, ao remate recibirán un certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado.

Neste caso, o proxecto específico que levará a cabo o alumnado consistirá na fabricación e a instalación do mobiliario para o Museo de Bergantiños. Da súa formación encargaranse Estrella Mar Señarís Castro, directora do obradoiro; Jesús Puente García, mestre de carpintaría, e Sandra Caamaño Pérez, mestra de ensino.

Escola Municipal de Hostalaría

Xurado do proceso selectivo de participantes no curso de cociña

Xurado do proceso selectivo de participantes no curso de cociña

No curso de cociña da Escola Municipal de Hostalaría haberá 15 alumnos e alumnas. Hoxe celebrouse a terceira e última proba de acceso, e das 24 persoas convocadas presentáronse 20, ás que tamén quixo saudar e desexar boa sorte o alcalde. Divididas en dous grupos de 10, dispuxeron de hora e media para elaborar un prato cun ingrediente común, que nesta ocasión foi o lombo de porco.

O tribunal, formado polos profesionais da hostalaría Fernando Agrasar, José Manuel Martínez e Ana Isabel Godoy, e a traballadora municipal Milagros Antelo como secretaria, valorará o sabor, a presentación, a creatividade e a limpeza. Mañá mércores faranse públicas as notas, e as 5 persoas que non consigan praza quedarán en lista de agarda por se se produce algunha baixa.

A Escola de Hostalaría será xestionada por segundo ano pola empresa Garfio de Barizo S. L, representada polo prestixioso cociñeiro Fernando Agrasar, que será o director e un dos docentes do centro. O Concello de Carballo investirá este curso preto de 100.000 euros para ofrecer a mellor formación aos 15 alumnos/as que integrarán cada promoción.

O curso terá unha duración total de 1.135 horas, comezará en outubro e desenvolverase nas instalacións do Fórum Carballo en horario de 08.30 a 14.00, de luns a venres. Dentro desa formación inclúense 320 horas de prácticas en empresas.

Compartir: